Profesores actualizan cada curso os seus coñecementos no Centro Galego da Innovación da FP
Este ano o Centro Eduardo Barreiros oferta unha trintena de cursos de especialización na súa aposta polo emprendemento industrial
Un dos campos con máis demanda é a formación en ciberseguridade e metaverso
O último en tecnoloxía apréndese no Centro Galego da Innovación da Formación Profesional, onde os mestres se converten en alumnos.
"Analizamos as necesidades formativas do docente, analizamos as novas tendencias tecnolóxicas e metodoloxía que se emprega nos diferentes sectores empresariais e así elaboramos un plan anual de formación en alta especialización", explica a directora do centro, María Jesús Carnero.
Neste Centro Eduardo Barreiros, en Ourense, actualizan os seus coñecementos uns 1.500 profesores ao ano. Entre eles está María Pato, que é profesora de videoxogos, intelixencia artifical e big data.
"Nós como docentes temos que estar un chanzo por riba deses coñecementos, eses coñecementos evolucionan moi rápido, e necesitamos o soporte e apoio deste centro", comenta María Pato.
Un dos campos con máis demanda é o da ciberseguridade, pero a novidade deste curso está vinculada ao sector primario galego.
"Hai novidades en lactoloxía, que é tecnoloxía queixeira, en programación de videoxogos, e estamos potenciando moito a ciberseguridade", explica Juan Vázquez, un dos asesores de formación do centro.
Este curso, o centro oferta unha trintena de cursos de especialización para profesores na súa aposta polo emprendemento industrial.