Abre o período para optar ás 50.244 novas prazas de FP do curso 2026-27 en Galicia
Poderanse presentar as solicitudes ata o 30 de xuño
Os estudantes poderán escoller entre 277 titulacións diferentes, 44 delas de nova implantación
Imaxe de arquivo
O período para optar ás 50.244 prazas de Formación Profesional de novo ingreso que se ofertan para o próximo curso 2026-27 en Galicia abre este luns.
Poderanse presentar as solicitudes ata o 30 de xuño e as persoas interesadas deben realizar os trámites vía telemática a través da aplicación de admisión de alumnado dispoñible no Portal Educativo.
Unha vez pechado este prazo, comezará o período de adxudicación, que se desenvolverá integramente en xullo, do mesmo xeito que o ano pasado.
Os estudantes poderán escoller entre 277 titulacións diferentes, 44 delas de nova implantación, que se reparten entre 159 ciclos de grao básico, medio e superior, 33 másteres, 27 títulos de alta especialización, 45 formacións aceleradas e 14 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais.
A primeira adxudicación de prazas producirase o día 10 de xullo e terá o seu prazo de matrícula aberto entre ese día e o 15.
Coas prazas que queden libres realizarase unha segunda adxudicación o 20 de xullo para matricularse desde ese día ata o 23.
Para rematar, haberá unha terceira adxudicación o 27 de xullo, cuxa matrícula se formalizará entre ese día e o 29.
A partir dese momento, e coa finalidade de que o maior número de persoas poidan acceder a esta formación, realizarase un proceso de adxudicación continua para aqueles ciclos nos que queden vacantes por cubrir.
Así, cada centro procederá a chamar por orde ás persoas que se atopen na lista de espera para que realicen a inscrición.