Sen alumnado, pero traballando
O curso lectivo xa rematou en Galicia, pero nos centros educativos o traballo importante chega agora
As vacacións para profesores e equipos directivos terán que agardar algo máis, ata principios de agosto
Este luns e martes están inmersos nas avaliacións finais, despois chegarán as matriculacións e haberá que deixar planificado o máis importante, como será o vindeiro curso
Nun instituto de Ames remataron as clases, pero o traballo dos mestres e dos equipos directivos continúa. Fano coas clases baleiras e con máis silencio do habitual. Comeza para eles a planificación do novo curso, anque antes deberán pechar este que acaba de rematar. Hoxe e mañá son días de avaliacións.
Despois chegará o período de reclamacións, a reunión cos pais e xa o 23 comezan as matriculacións. En Secretaría, tampouco para de soar o teléfono. E xa estamos de cheo no mes de xullo, onde comezan as xuntanzas para planificar o máis importante, o vindeiro curso.
Esa é algunha das escusas que utilizan os alumnos para volver ao instituto e achegarse aos que os acompañaron ao longo de todos estes meses. Porque este centro non pechará nin sequera en agosto.
E cando se queren dar conta, volven estar nesa primeira semana de setembro, onde xa está todo listo para recibir os case 900 alumnos e alumnas deste colexio. E esa mensaxe de despedida, que hoxe enche esta pizarra, volverá converterse nunha mensaxe de benvida dun novo e ilusionante curso.