Ourense marca este martes a temperatura máxima de España con 43 graos
Tanto a capital como Ribadavia chegaron aos 43 graos, a mesma temperatura que Andújar en Xaén
Está activada a alerta vermella por altas temperaturas na zona do Miño, e gran parte do resto da provincia de Ourense
O episodio de calor perde intensidade cara o mércores e non haberá ningunha zona en nivel vermello
As temperaturas en Ourense, máximas de España
Varios municipios da provincia de Ourense acadaron este martes os 43 graos de temperatura, marcando a máxima de España ao igualar a localidades andaluzas como Andújar ou Xaén. Outra xornada sufocante en Galicia que estivo precedida por unha madrugada con temperaturas tamén elevadas.
Segundo os datos de Meteogalicia, este martes a cidade de Ourense chegou aos 42,5 graos, só unha décima máis que Arnoia, onde os termómetros alcanzaron os 42,4 graos Celsius.
En Leiro, as máximas chegaron ata os 42 graos e en Salvaterra de Miño (Pontevedra), que este luns marcou o valor máximo de toda Galicia, superáronse os 41 graos, o mesmo que en Vilamartín de Valdeorras.
Durante a xornada deste martes, está activada a alerta vermella por altas temperaturas na zona do Miño ao seu paso por Ourense, e gran parte do resto da provincia, así como da provincia de Pontevedra, están en alerta laranxa.
Xente á sombra nos parques de Ourense
Para este mércores está previsto que o episodio de calor perda intensidade, e non haberá ningunha zona en nivel vermello, aínda que se manterá a alerta laranxa na comarca de Valdeorras.
Meteogalicia prevé que as temperaturas máximas nas principais cidades oscilen entre os 36 graos de Ourense e os 25 graos da Coruña.