A Xunta implanta no próximo curso formación acelerada na FP para sectores de alta demanda
Permitirá cualificarse entre catro e seis meses nun total de 18 ciclos nos que hai unha forte demanda de traballadores como a hostalaría, a automoción ou as renovables
O próximo curso contará con 49.164 prazas de FP para novos matriculados, na que é "a oferta máis ampla da historia" di o presidente da Xunta
Galicia contará no próximo curso cun total de 49.164 prazas de Formación Profesional para novos matriculados na que será, segundo asegurou o presidente de Xunta, Alfonso Rueda, "a oferta máis ampla da historia", superando en 2.450 prazas ás ofertadas no presente ano académico.
Haberá, dixo Rueda, 251 titulacións, 40 máis que no curso que está rematando.
A maior novidade é a implantación da formación acelerada que se vai implantar en 18 ciclos para poder cualificarse entre catro e seis meses en sectores de "alta demanda e empregabilidade". Haberá case mil prazas para esta formación en 44 grupos en distintos centros de todo o país.
Rueda destacou ámbitos como os da hostalaría, a automoción ou as renovables, os principais ámbitos nos que se implantará esta formación acelerada para permitir cubrir a demanda tanto das empresas como dos estudantes.
Tamén se vai implantar a FP Básica Adaptada, "orientada a garantir a permanencia do alumnado con dificultades" e evitar o abandono escolar. Será, explicou o presidente da Xunta, "unha experiencia piloto" que arrancará cun programa formativo de Comercio no Centro de Educación e Promoción de Adultos do Berbés, en Vigo.
Ademais increméntanse os mestrados de FP, con 2.192 prazas, e as formacións de alta especialización, con 735 prazas.