Aumenta a demanda de traballadores sénior
Teñen máis de 50 anos, e cada vez son máis as empresas galegas que apostan por contratalos
Deles destacan a experiencia e tamén o seu compromiso co traballo
Son máis de 5 millóns en España e preto de 300.000 en Galicia, cifras históricas nesa franxa de idade
Carmen Patiño é unha traballadora sénior. Acaba de facer 65 anos e leva case 20 na mesma empresa. No seu caso, os anos son un valor engadido. Destaca que na empresa onde traballa "nunca tiveron prexuízos para coller a xente máis madura. Penso que outras empresas se equivocan ao querer sempre xente nova, e a experiencia tamén vale está demostrado".
Coma ela, en Galicia hai case 300.000 séniors en activo. O grupo de idade entre 55 e 70 anos é o que máis medrou nos últimos anos. Ana Gavián, consultora sénior de Randstad, detalla que notaron cambios na contratación: "Os perfís entre 45 e 55 anos pasaron de ser invisibles a ser unha peza estratéxica para as empresas que sofren falta de relevo xeracional e de compromiso a longo prazo".
Tamén inflúe nestas cifras que se atrasase a idade de xubilación. Carmen xubilarase aos 67. Luis Vázquez está nunha situación semellante, pero no seu caso leva traballando dende os 17 anos. Apostou por ser autónomo ao saír dunha fábrica. É escéptico ao pensar en xubilarse: "Eu creo que a xubilación vai ser ao morrer ou cando xa non deas máis porque cada vez o poñen máis difícil. É imposible".
A taxa de paro entre os 55 e os 70 anos roza o 7 % en Galicia e case o 10 % de media en España.