Galicia bate marcas de alumnos matriculados na Formación Profesional
A ampla variedade de ciclos formativos e a alta empregabilidade consolidan o modelo galego de FP como referente en España
Un modelo formativo que ofrece ao alumnado unha gran variedade de ciclos innovadores cunha ampla empregabilidade. Son as bases do éxito da Formación Profesional en Galicia que está servindo de modelo noutras comunidades.
"No noso centro duplicamos as matrículas en catro anos", explica o director do Centro de FP A Farixa, en Ourense.
É unha situación que se estende a todas as provincias e a todos os ciclos. É o caso da Formación Profesional de Alta Especialización, unha modalidade exclusiva de Galicia.
"Faise unha oferta formativa á carta, tendo en conta as necesidades do tecido produtivo galego. Nesta modalidade hai un incremento dun 30 % de matrículas respecto do curso anterior", di Eugenia Pérez, directora xeral de FP.
Iniciativas que comezaron nos centros galegos como a introdución do inglés, os dobres ciclos ou o ensino modular esténdense agora por toda España. Este curso o alumnado pode optar a un novo tipo de formación acelerada.
"Nós temos aquí unha formación de instalación de placas fotovoltaicas no que en seis meses o alumnado está capacitado para acceder ao mercado laboral", asegura o director do centro da Farixa.
O resultado, unha formación adaptada ás demandas da empresa que facilita o acceso ao mercado de traballo.