Medio Rural acorda cos viticultores do Ribeiro combater os danos da fauna salvaxe
Nalgunhas parcelas está en risco ata o 40 % da produción de uva
Vanse acometer batidas e deslocalizacións de mandas de corzo e xabaril
O vitivinícola é o principal sector agrario da provincia de Ourense. Catro das cinco denominacións de orixe galegas están nesta provincia. Nunha delas, o Ribeiro, corzos e xabarís están a causar serios problemas aos viticultores. Gromos e acios acabados de nacer son un manxar para os animais, que entran nos viñedos con cada vez maior frecuencia, provocando un importante dano económico.
Para atallar os danos, a Consellería do Medio Rural comprometeuse cos viticultores a realizar batidas nas zonas da súa competencia e a deslocalizar as mandas a medida que a colleita vaia madurando. Unhas medidas que os donos dos viñedos confían en que sexan suficientes para que as perdas económicas non vaian a máis nun momento de auxe desta denominación de orixe.
Os ataques da fauna salvaxe non só causan a perda da colleita senón que mesmo poden provocar a morte das videiras pola intensidade das trabadas.