Publicador de contidos

Publicador de contidos

Medio milleiro de persoas participan nun paseo pola saúde en Ourense

Medio milleiro de persoas participan nun paseo pola saúde en Ourense

Organizado polo complexo hospitalario ourensán, tenta visibilizar o labor das asociacións de pacientes

Participaron unha vintena de colectivos, incluído o da covid persistente, aínda en proceso de creación

G24.gal 01/10/2022 14:35 Última actualización 01/10/2022 15:16

Nunha mañá que amenceu fresca e con néboa, ao redor de 500 persoas citáronse na ponte Vella de Ourense para arroupárense uns aos outros nunha loita común.

"A unión fai a forza, canto máis visibles nos fagamos, mellor", asegura Paz Gómez del Valle, da asociación Auria de Diabetes. 

A ruta discorreu pola ribeira do Miño. Oito quilómetros, cada quen ao seu ritmo porque o obxectivo non é chegar canto antes á meta, senón practicar hábitos saudables.

"Case todas as entidades teñen no seu ADN promover estilos de vida saudables e facer exercicio físico, entón pensamos que ese podía ser o fío condutor", asegura Belén Piñeiro, xefa de Atención ao Paciente da área sanitaria de Ourense e organizadora do evento.

Cada un dos participantes lidia coa súa propia enfermidade ou dalgún familiar, pero todos comparten os mesmos intereses.

"Nas asociacións atopas xente que se atopa coma ti, que é algo moi importante", explica Rita, enferma de covid persistente. 

"E por outro lado, non é fácil facer forza perante as institucións sanitarias, por desgraza, se non hai un número ou un nome por detrás", engade Isabel Quintana, unha das promotoras do colectivo galego de pacientes de covid persistente. 

Tamén lles achegan as asociacións mecanismos para afrontar a nova situación.

"Acompañamento aos enfermos, axuda psicolóxica, económica e actividades para que se sintan acompañados", enumera Olga Mojón, vicepresidenta da asociación contra o cancro en Ourense.

Xa coa compaña do sol, tras a andaina, a xornada de convivencia culminou con música e obradoiros para adultos e tamén para os máis pequenos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade