Medio cento de expositores amosan os seus artigos na Feira do Moble da Estrada
Nesta 37 edición, unha empresa presentou un deseño novidoso de mesa extensible
Esta última edición da Feira do Moble de Galicia pechou as portas este domingo no recinto feiral da Estrada.
"Había moitos anos que non viñamos, moitos". "Que veño buscar? Veño mirar, máis ben". "Este ano é a primeira vez que veño porque teño un amigo carpinteiro e vén ver se hai algunha novidade", din varios asistentes.
Medio cento de vendedores expuxeron mobiliario para toda a casa, complementos e iluminación. Desta volta con algunha novidade, como esta mesa extensible premiada por ter un deseño innovador.
"É o primeiro ano que vimos, porque sacamos este produto novo e como nós vendemos a profesionais, esta é a maneira de dalo a coñecer ao cliente final para que vexa o que se pode facer con este modelo de mesa", explica o vendedor.
Outros vendedores son habituais desta cita. E, aínda que recoñecen que baixou un pouco, consideran que é un bo lugar para dar a coñecer os seus mobles.
"O público é moi diverso. Depende da idade. Nós temos mobles modernos e clásicos. E é unha mestura de todo". "Os nosos principais clientes son persoas maiores que buscan mobles de madeira, saben o que están a comprar, que vale cartos, pero que compran para a vida", falan dous fabricantes de mobles portugueses.
Unha clientela coa que non queren perder o contacto.