O ouro vai máis caro ca nunca
No que vai de ano o ouro acumula unha revalorización superior ao 36%
O ouro de 24 quilates custa case tres mil seiscentos dólares a onza
O prezo do ouro incrementouse nos mercados un 1% e acada un máximo histórico con 3.570 dólares por onza. O metal acumula unha revalorización superior ao 36% no que vai deste ano e os expertos apuntan a que aínda non tocou teito.
No que vai deste ano o ouro acumula unha revalorización superior ao 36%. E son moitos os motivos desta suba, malia que a explicación principal está na inestabilidade da economía internacional.
"Todos os capitais tenden a poñer o seu valor en algo que non dependa nin dunha persoa, nin dun goberno ou dunha política determinada, nin da solvencia dun banco. Esas características dáas o ouro", asegura María Bastida, profesora de Economía.
Agora o ouro de 24 quilates custa case tres mil seiscentos dólares a onza, que é a unidade de referencia internacional. Son algo máis de 3.100 euros por 31 gramos de ouro puro, arredor de cen euros por gramo. Con esta situación cada vez son máis os que optan por investir en ouro para protexer os seus aforros. As vellas xoias familiares poden ter moito máis valor que o sentimental. Iso si, sempre que sexan e ouro de lei, de 18 quilates
"O euro cada día compra menos pero o gramo de ouro mantén o seu valor no tempo. A xente estase dando conta disto e moitos orientan os seus aforros cara ao ouro físico" di José Manuel Iglesias, responsable dunha tenda que compra ouro en Santiago.
Din os expertos que a tendencia alcista vaise manter e que o ouro podería acadar os 3.800 dólares a onza en menos de tres meses.