Investigan o dono dun 'grow shop' de Caldas por suposta venda de droga
A Garda Civil localizou máis dun quilo de marihuana e máis de 300 gramos de haxix en envases para a súa venda
Á espera das analíticas, o dono da tenda defende que son produtos legais, con efectos de aromaterapia
Vende cánnabis. Á vista está. Como tamén estaban os envases que requisou a Garda Civil. Máis dun quilo de cogollos de marihuana e case trescentos gramos de haxix, nun cento de botes precintados, expostos en tres vitrinas, para a súa venda. Cada un vale entre dez e vinte euros, dependendo do tamaño.
A clave está na composición deses cogollos: CBD, como indica o propio envase, ou THC. A diferenza non é menor. O THC é a compoñente do cánnabis que provoca estado de euforia, os colocóns. Polo tanto, unha droga, un químico que non é legal. O CBD si. Ten efectos terapéuticos. E de feito, o sospeitoso de vender droga defende que os seus produtos teñen como fin a aromaterapia, unha forma de medicina alternativa para reducir o estrés.
De momento, a tenda, onde tamén venden produtos agrícolas, segue funcionando con normalidade, pero sen marihuana nin haxix, por prudencia. O resultado das analíticas prevese determinante.