Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno investirá 705 millóns en portos galegos no plan de reforzo do sistema portuario español

O Goberno investirá 705 millóns en portos galegos no plan de reforzo do sistema portuario español

O ministro Óscar Puente anuncia investimentos de máis de 7.000 millóns de euros en toda a rede de Portos do Estado

O porto da Coruña será o que leve a maior parte do orzamento destinado a Galicia, con máis de 362 millóns

Arquivo (Europa Press) Arquivo (Europa Press)
G24.gal 06/11/2025 13:22

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, anunciou máis de 7.000 millóns de euros de investimento no sistema portuario de titularidade estatal entre 2025 e 2029, co obxectivo de que se produza un crecemento económico con "sustentabilidade, seguridade e dixitalización".

Así o anunciou o ministro durante un almorzo informativo do Diario del Puerto, celebrado na Zona Franca das Palmas de Gran Canaria, e onde presentou o plan de investimentos de Portos do Estado para o período 2025-2029.

Con máis de 705 millóns de euros, Galicia será a cuarta comunidade autónoma en volume de investimento e case o 60 % dos fondos destinados aos cinco portos de interese xeral (Vigo, Marín, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol) destinaranse á mellora das infraestruturas para aumentar a súa capacidade e afrontar os retos da demanda, segundo detallou o Ministerio.

Doutra banda, prevense 196,6 millóns no desenvolvemento de accesos viarios e ferroviarios dos portos; outros 71,2 millóns destinaranse a impulsar a sustentabilidade destas infraestruturas; 20,9 millóns son para reforzo e mellora da seguridade; 4,7 millóns para proxectos de dixitalización, e, finalmente, 5,5 millóns son para o desenvolvemento de proxectos de porto-cidade.

O porto galego que máis contía recibirá ata 2029 será o da Coruña, con máis de 362 millóns de euros previstos, e o proxecto máis destacado é o acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira, así como a prolongación do acceso ferroviario interior, financiados con fondos Next Generation da UE.

O porto de Vigo recibirá nos próximos anos máis de 193 millóns para actuacións como a construción do novo silo para vehículos en Bouzas ou o apartadoiro ferroviario da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves, Plisan.

O terceiro porto galego en volume de investimento é o de Ferrol, con case 82 millóns; o porto de Marín recibirá case 50 millóns, e o de Vilagarcía, 17,7 millóns de euros.

Na súa intervención na Zona Franca das Palmas, Óscar Puente sinalou que, con máis de 8.000 quilómetros de costa, unha localización "estratéxica" nas rutas marítimas globais e un tecido portuario que conecta Europa, África e América, España "é literalmente unha plataforma loxística entre continentes". E é neste marco onde Portos do Estado, organismo público dependente do ministerio que lidera, coordina 46 portos de interese xeral xestionados por 28 autoridades portuarias.

Neste sentido, expuxo que a folla de ruta do marco investidor Horizonte 2030 recolle accións, algunhas xa impulsadas, para que os portos sigan sendo "pancas" de cohesión territorial, centros de innovación tecnolóxica e "referencia en sustentabilidade, en eficiencia enerxética", ademais de "puntos de encontro" entre a cidade e o mar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade