Francia suspende o acceso a Shein polo escándalo das bonecas sexuais con aparencia de nenas
A interrupción do comercio on line coincide coa apertura da primeira tenda física de Shein en París
A medida ten carácter temporal ata que demostre que o seu contido cumpre coas leis do país
Manifestantes protestan coincidindo coa apertura da primeira tenda física de Shein en París (REUTERS / Sarah Meyssonnier)
O Goberno francés iniciou este mércores o procedemento para suspender temporalmente en Francia a plataforma chinesa de comercio electrónico Shein, ata que demostre que o seu contido en liña cumpre coa lei.
Faino en plena investigación xudicial pola súa venda de bonecas sexuais con aparencia de nenas. Un escándalo que está xa en mans da Fiscalía e que coincide coa apertura en París a súa primeira tenda física.
A suspensión é temporal ata que a plataforma demostre que cumpre coas leis francesas.
"Por instrucións do primeiro ministro (Sébastien Lecornu), o Goberno inicia o procedemento de suspensión de Shein temporalmente para que a plataforma demostre ás autoridades que todo o seu contido cumpre coas leis e regulacións vixentes", informou o Executivo, que analizará a situación "dentro de 48 horas", segundo un conciso comunicado.
Asemade, o ministro do Interior Laurent Nuñez interpuxo unha demanda para bloquear a páxina web de Shein, segundo anunciou o Ministerio de Economía, que confirmou que se nun prazo de 48 horas os produtos prohibidos seguen á venda na páxina web de Shein, poderá emitirse unha orde de requirimento dixital, que permitirá ao Goberno esixir a suspensión da páxina web.
Unha inauguración rodeada de polémica
A decisión do Executivo francés produciuse dúas horas despois de que Shein abrise en París a súa primeira tenda física, a dous pasos da catedral de Notre-Dame.
A tenda do xigante asiático, situada na sexta planta dos emblemáticos almacéns BHV, abriu as súas portas ás 13:00 hora local (12:00 GMT) nun espazo de 1.200 metros cadrados, ao que acudiron centos de potenciais clientes pero tamén decenas de cidadáns contrarios ao modelo de negocio de Shein, que acusan de competencia desleal ou de non respectar o medioambiente nin os dereitos laborais.
Lescure advertiu o pasado luns e reiterou onte que ao Goberno non lle tremerá a man para prohibir as actividades da plataforma chinesa en Francia se se demostra que realizaron actividades ilícitas.
O escándalo das bonecas sexuais
A Fiscalía de París abriu a principios desta semana unha investigación a Shein por difusión de imaxes ou representacións de menores de natureza pornográfica, que tamén afecta a AliExpress.
Todo saltou tras a detención e posta baixo custodia dun home en Bouc-Bel-Air, preto de Marsella, tras interceptar un paquete cunha boneca sexual de aspecto infantil remitido ao seu nome e comprado na plataforma Shein.
Directivos da compañía chinesa de comercio electrónico deberán responder o 18 de novembro ás preguntas dos parlamentarios franceses que integran unha comisión de investigación para comprender como puideron venderse produtos ilícitos neste país.
Ademais, un grupo de deputados anunciou hoxe a próxima presentación dunha resolución europea que insta a Bruxelas e ao Goberno francés a adoptar unha postura máis firme contra Shein.