"Botar o cura das Pontes", unha disputa por unha terraza abre unha polémica na vila
O cura denunciou unha terraza pegada á Capela da Virxe do Carme "por ocupación e por feísmo"
Inician unha petición en Change.org para botar o párroco, que suma máis de 200 sinaturas
As opinións sobre a terraza en cuestión están divididas.
"Cando imos por aí a un enterro ou a un funeral e hai un bar cerca, todos saímos e imos tomar un café. Entón, eu non vexo que moleste a terraza aí". "Eu normal, normal non o vexo, porque hai que ter un oco arredor da capela ou se queren dar a volta cunha procesión". "Á terraza non lle vexo gran problema, pero que o cura estea molesto é normal tamén. É como se invaden unha parte da túa propiedade".
A Policía Local abriu un expediente, pero quen leva a voz cantante da denuncia é o cura.
"Creo que é un fenómeno de ocupación e de feísmo. É a ocupación dun único hostaleiro apropiado para el só e despois un elemento de feísmo. Unha terraza pegada á fachada dunha capela do século XVIII para min é un adefesio", defende Juan Pablo Alonso, o párroco das Pontes.
Esa defensa dos intereses da Igrexa volvéronse en contra do cura en formas...
"O cura é un tanto peculiar, pero cada un é como é". "Antes houbo un toldo, o da rapaza que tiña o bar. Aí botou moito tempo e non houbo problema ningún, pero veu o cura e aí está, pero o cura ten galiñas por alí detrás e non llas mandan sacar".
E en firmas. En change.org hai unha petición para botar o cura, que leva máis de 200 apoios, malia que moita xente nin sabía nada.
"Dunha minoría bastante ruidosa, que como non ten argumentos xurídicos, o que fai é saltar á persoa, que sería á miña persoa, facéndome un dano grande. A min non tanto, pero si á miña familia e á miña ferigresía", lamenta o párroco.
O hostaleiro tampouco respondeu ás chamadas da Televisión de Galicia, pero fala por el a clientela.
"Eu considero que agora mesmo non se fai ruído e tampouco hai misa e non se molesta a ninguén". "Aí terraza houbo sempre. Nunca estivo pechada, iso si. Eu penso que é un tema persoal entre os donos do bar e o cura".
O que si se confirma é que o Carme sairá en procesión, ben sexa arredor da capela ou dándolle a volta á terraza.