Publicador de contidos

Publicador de contidos

Portos de Galicia destaca o potencial da náutica recreativa na creación de emprego

Portos de Galicia destaca o potencial da náutica recreativa na creación de emprego

O presidente de Portos de Galicia afirma que a náutica de recreo xera 2.000 postos directos e 10.000 indirectos 

José Antonio Álvarez destaca o reforzo do dique de abrigo de Burela ou a ampliación da lonxa de Tragove

Confirma que avanzan os trámites para a desafectación de terreos portuarios en 18 concellos

G24.gal 26/10/2025 09:30 Última actualización 26/10/2025 09:31

O presidente de Portos de Galicia pon en valor a "singularidade" de Galicia ao combinar os usos pesqueiros cos recreativos nos peiraos autonómicos.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, José Antonio Álvarez asegurou que os portos deportivos son "motores de xeración de emprego e de riqueza".

"No sector da náutica recreativa galega temos hoxe uns 2.200 empregos directos e uns 10.000 indirectos. Somos coñecedores do potencial dos nosos portos en náutica recreativa".

O responsable de Portos de Galicia tamén destacou as vantaxes que ofrece a navegación polas rías con respecto ao resto do litoral de España e de Portugal.

"A situación xeográfica de Galicia resulta cada vez máis atractiva para os navegantes británicos, irlandeses e franceses, que fan escala nas nosas dársenas", engadiu.

Investimentos

Na Radio Galega, José Antonio Álvarez sinalou que nos dous próximos anos se investirán 9 millóns de euros en obras de mantemento nos 122 peiraos autonómicos, tal e como recolle o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2026.

O titular de Portos de Galicia  puxo o foco nos traballos que se desenvolven nestes momentos nos peiraos de titularidade autonómica. Entre eles, o reforzo do dique de abrigo de Burela no que se invisten 1,8 millóns de euros.

"É unha obra imprescindible no porto onde se descarga a pesca con máis valor de toda Galicia. En Portosín está en execución a reordenación dos atraques, con máis de dous millóns de euros. Tamén estamos ampliando a lonxa de Tragove, cun investimento de 1,4 millóns de euros. Non me quero esquecer da ampliación do peirao mexilloeiro de Santo Adrián de Cobres, en Vilaboa".

O responsable dos portos de titularidade autonómica tamén destacou as obras para ampliar ou mellorar os departamentos de usuarios (onde os profesionais do mar gardan os aparellos) en San Cibrao e en Fisterra. Engadiu que no caso de Combarro acaban de licitar estas instalacións e que están pendentes de adxudicar as obras.

Obras todas elas "moi necesarias", segundo explicou, para a actividade pesqueira que segue a ser "a principal" nos portos autonómicos.

"Nos portos galegos de interese autonómico concéntrase máis da metade das descargas. Despois de Vigo e da Coruña, con 55.000 toneladas de peixe desembarcado, nos portos autonómicos descárganse 66.000. A actividade pesqueira é singularmente a máis sobranceira"

José Antonio Álvarez apuntou que en canto ao valor da pesca desembarcada, o principal porto xestionado pola Xunta é o de Burela debido ao bonito.

Non así en canto ao volume de descargas, no que Ribeira leva a palma, a pesar, subliñou, dos "altibaixos derivados dunha actividade complicada pero cun futuro especialmente interesante".

Desafectación portuaria

O responsable de Portos de Galicia valorou que ningún dos portos galegos autonómicos estea pechado ao público.  

"Non se sabe onde empeza o porto e onde acaba a vila. Hai unha querenza polos usos normais que non son estritamente portuarios. Aí están as zonas verdes, os parques e xardíns en tantos portos e o que buscan as vilas é facerse con eles. Despois dun estudo detallado no que se confirmou que estes espazos non son necesarios, estamos nun proceso de desafectación".

José Antonio Álvarez sinalou que o Consello da Xunta xa deu luz verde á desafectación de espazos en 18 concellos. Eses terreos, engadiu, pasarán agora a Costas, que os cederá aos municipios para o seu desfrute.

Transporte nas rías

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, o presidente de Portos de Galicia referiuse ao transporte marítimo que conecta Moaña, Cangas e Vigo, que –segundo dixo– "funciona ben".

"Espero que incluso mellore porque significa máis transporte público, máis descarbonización, e menos contaminación".

José Antonio Álvarez engadiu que este tipo de transporte conta cun gran potencial ligado á náutica recreativa. O interese por este servizo nas Rías Baixas medra, non só para achegarse ás Cíes, a Sálvora ou a Ons senón tamén para achegarse aos portos.

Eficiencia enerxética

O titular de Portos de Galicia puxo o foco nos traballos de mellora da eficiencia enerxética nas dársenas galegas. 

"Acabamos de rematar un investimento de máis de dous millóns de euros en 26 portos galegos nos que instalamos iluminación led con control telemático".

Segundo explicou, estas novas luminarias aínda están en probas pero xa comprobaron que permiten un aforro do 60% e que alumean mellor.

José Antonio  Álvarez engadiu que continuarán con este tipo de actuacións no resto dos portos de titularidade autonómica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade