O Goberno alemán di que non cambiou de posición sobre o uso das linguas na UE
O voceiro do executivo xermano asegura que a adopción de novos idiomas oficiais requiriría modificar os tratados europeos
O canceller alemán no Bundestag. REUTERS/Lisi Niesner
Alemaña non cambiou de posición sobre o uso das linguas na Unión Europea, segundo manifestou o portavoz do Goberno xermano, Stefan Kornelius.
Reaccionou deste xeito ao debate sobre a incorporación de novos idiomas oficiais en Bruxelas, un día despois de que transcendera o inicio de conversas bilaterais con Madrid para falar deste asunto.
"A posición do chanceler alemán non cambiou (...). A adopción de novas linguas oficiais requiriría modificar os tratados europeos", dixo.
Nunha declaración conxunta facilitada a EFE polo executivo español, España e Alemaña ratificaron este venres a súa decisión de abrir un diálogo recoñecendo que o uso das linguas cooficiais é "unha parte esencial da identidade nacional plurilingüe de España".
Ambos os dous países decidiron iniciar conversas bilaterais "a partir das cales España presentará un texto para o debate e a decisión" dos 27 Estados membros nunha futura reunión do Consello de Asuntos Xerais.
Alemaña foi un dos países reticentes a ampliar o catálogo de linguas oficiais na UE proposto por España.