Santiago Villanueva: "É importantísima a coordinación cos concellos e co Estado"
O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta explica que a xestión dunha emerxencia require rapidez, coordinación e suma de esforzos entre tódalas administracións
Santiago Villanueva fai un chamamento á poboación para que siga as normas de autoprotección
O responsable de Emerxencias apunta ó cambio climático como o principal desafío ó que se enfrontan os servizos de emerxencias
Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia
O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta asegura que Galicia está preparada para afrontar unha emerxencia ante os avisos continuos por choiva, vento, nevaradas e fenómenos costeiros.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Santiago Villanueva, indicou que o nivel freático sobe porque a terra "xa non dá tragado tanta auga" polo que aumenta o risco de inundación. Segundo abondou, os caudais dos ríos e as catro concas hidrográficas "están ao límite". Ante esta situación, a Xunta activou o Plan Inungal para facer un seguimento constante dos ríos e dos rebordamentos.
"O que perseguimos coa activación do Plan Inungal é a actuación dos servizos de emerxencias, de seguridade e das autoridades locais para garantir a seguridade das persoas e para avisar con tempo do que hai que facer e do que non".
O responsable de Emerxencias da Xunta asegurou que hai medios para afrontar as emerxencias xa que se reforzaron os servizos profesionais e os de voluntariado. Segundo indicou, nos últimos dez anos o goberno galego destinou 28 millóns de euros á adquisición de medios para Protección Civil e para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais, os GES, "as agrupacións mellor dotadas de todo o territorio nacional". Esta mesma semana, engadiu, a Xunta entregou catro camións.
"Estamos ben preparados, hai unha mellor dotación. O salto cualitativo e cuantitativo foi moi importante nos últimos dez anos, tanto en servizos profesionais como nos de voluntariado e nos medios técnicos.Temos os plans actualizados e seguiremos traballando neles, na resposta que debe darse a través dos plans municipais e en colaboración".
Santiago Villanueva lembrou que no ano 2000 Galicia só contaba con 7 servizos profesionais de emerxencias na grandes cidades. Na actualidade, abondou, a estas dotacións súmanse os Grupos de Emerxencia Supramunicipal, os GES, os parques de bombeiros dos consorcios provinciais, todo o voluntariado de Protección Civil e os servizos das consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente.
O director xeral de Emerxencias tamén se referiu, na Radio Galega, á importancia da cooperación entre as distintas administracións á hora de afrontar situacións de risco.
"É importantísima a coordinación entre esa primeira administración que esta máis preto, os concellos e deputacións, pero tamén coa Estado. A xestión dunha emerxencia require de rapidez, de coordinación e da suma de esforzos. Eu creo que está funcionando relativamente ben aínda que sempre é susceptible de mellorar. A poboación non busca o ámbito competencial senón esa resposta que debemos dar entre todos, esa coordinación"
Santiago Villanueva apelou á colaboración e a responsabilidade da cidadanía á hora de seguir as normas de autoprotección.
"Avisar á poboación de onde non podes estar, do que non debes facer, de onde non debes aparcar..., é un traballo nóso pero tamén da sociedade. Son normas de autoprotección. Aquí tamén é moi importante o papel dos medios de comunicación para avisar á xente e concienciala desta situación. Unha imprudencia pon en perigo a vida dunha persoa pero tamén a dos servizos que teñen que rescatala".
Recomendacións como as que o pasado 25 de xaneiro recibiron os cidadáns que se encontraban no interior de Pontevedra a través dunha mensaxe ES-ALERT que informaba dunha alerta vermella por precipitacións intensas. Un sistema que se utilizou, por primeira vez en Galicia, nos incendios deste verán en Ourense e na Cañiza.
"É un instrumento máis en beneficio da poboación, para concienciar, e tamén dos servizos de emerxencias. Utilízase en situacións extremas, como xa están facendo outras comunidades, e iso complétase cun reforzamento doutros servizos de emerxencias como o 112, onde se reciben tódalas chamadas"
De cara o futuro, o responsable de Emerxencias e Interior da Xunta apunta ó cambio climático como o principal desafío ao que se enfrontan os servizos de emerxencias.
"As inundacións e os incendios forestais é o que mási nos está afectando, sobre todo, pola duración da emerxencia. Un período como o que tivemos este verán, de tanto tempo seco sen chover, con temperaturas extremas e incendios continuos puxo a proba o servizo de emerxencias, o de seguridade e á sociedade en xeral".
No plano máis inmediato, Santiago Villanueva sinala que, aínda que a próxima semana repuntarán as precipitacións, os modelos indican "unha tregua" a partir da segunda quincena e febreiro.
