Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán convoca os embaixadores europeos pola designación do CGRI como grupo terrorista

Irán convoca os embaixadores europeos pola designación do CGRI como grupo terrorista

Os ministros de Exteriores comunitarios alcanzaron un acordo a semana pasada para incluír o Corpo de Gardiáns da Revolución Islámica na listaxe de organizacións terroristas da UE pola represión das protestas en Irán

Abbas Araghchi, ministro iraniano de Exteriores, nunha recente visita a Istambul (Reuters/Dilara Senkaya) Abbas Araghchi, ministro iraniano de Exteriores, nunha recente visita a Istambul (Reuters/Dilara Senkaya)
G24.gal 02/02/2026 09:52 Última actualización 02/02/2026 10:17

Irán convocou todos os embaixadores dos países europeos con presenza en territorio persa pola designación do Corpo de Gardiáns da Revolución Islámica (CGRI) como organización terrorista por parte da Unión Europea (UE) pola represión das protestas.

“Entre onte e hoxe, todos os países europeos e os Estados membros da Unión Europea que teñen embaixada en Teherán foron convocados ao Ministerio de Exteriores, e a protesta da República Islámica de Irán foilles notificada por escrito”, dixo nunha conferencia de prensa o portavoz do Ministerio de Exteriores iraniano, Ismail Baghaei.

O diplomático dixo que era “unha medida mínima” e indicou que Teherán está a estudar “un conxunto de accións” e “medidas de represalia” pola decisión da UE, que cualificou de “ilegal, inxustificada e gravemente errónea”.

Baghaei considerou a designación como “unha ofensa ao pobo iraniano”, un “insulto” e un “erro de cálculo estratéxico” por parte da UE.

Os ministros de Exteriores da UE alcanzaron o xoves un acordo para incluír a Garda na lista de organizacións terroristas do bloque pola represión das protestas en Irán. O ministro español, José Manuel Albares, condenaba a represión e apoiaba a decisión por parte da UE

"España esixe o respecto á liberdade de expresión e á liberdade de manifestación pacífica de todos os iranianos e de todas as iranianas, que con moita valentía están a manifestarse esixindo que se amplíe a marxe da liberdade", dicía Albares á súa chegada ao Consello de Ministros Europeos de Exteriores que tomou a medida.

Segundo o balance oficial, nesas protestas houbo 3.117 mortos, mentres oenegués opositoras como HRANA, con sede nos EUA, sitúan en 6.842 falecidos, estuda outros 11.000 posibles homicidios, e máis de 40.000 arrestos.

Como resposta á designación europea, o presidente do Parlamento iraniano, Mohamad Baqer Qalibaf, anunciou onte que o hemiciclo declarara terroristas aos exércitos dos países europeos, nunha medida recíproca establecida na lexislación iraniana.

Ademais, Qalibaf encomendou á Comisión de Seguridade Nacional e Política Exterior do Parlamento que os agregados militares dos países da Unión Europea en Irán sexan declarados terroristas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade