Publicador de contidos

Publicador de contidos

Exemplares de rubia galega danse cita na feira de gando vacún de Friol

Exemplares de rubia galega danse cita na feira de gando vacún de Friol

No concurso, que xa vai pola duodécima edición, tamén participan animais doutras razas autóctonas

G24.gal 20/09/2025 14:43 Última actualización 20/09/2025 16:19

Unha feira arredor do gando vacún reúne en Friol os mellores exemplares de rubia galega e doutras razas autóctonas. É un evento que se celebra desde hai doce anos no concello lucense.

Son exemplares de rubia galega, coidados con meco polos seus donos, que acoden a esta feira de Friol para amosar os seus mellores animais.

"Detrás disto hai moito interese por liñas xenealóxicas, por intentar mellorar a raza, e moitos coidados para que teñan esta calidade", afirma o gandeiro, Óscar Santos.

O evento alcanza xa a duodécima edición. Xurdiu para demostrar as bondades do gando de carne. O alcalde da localidade, José Ángel Santos, lembra que o obxectivo é darlle promoción e impulsala para facer aínda máis rendibles as explotacións.

"Nos últimos anos as explotacións de carne están tendo unha repercusión económica importante e a día de hoxe podemos dicir que unha familia pode vivir dunha explotación gandeira dedicada á carne", asegura Santos.

Complicado o traballo do xurado, á hora de elixir os mellores exemplares que se citan en Friol.

"A calidade é altísima, se houbera máis diferenza de calidade sería máis doada a escolla, pero ao ter unha calidade tan alta de produción cárnica, o cometido que teño é difícil", explica o xuíz nacional Xacobe Pérez.

Tamén as razas autóctonas teñen o seu oco nesta feira de gando vacún de Friol. 

"Son importantes porque manteñen o noso territorio limpo, están moi ben adaptadas ao seu medio e son o noso patrimonio. Merece a pena recuperalas e dan uns produtos excelentes", asegura Anisia Arias, da Federación de Razas Autóctonas de Galicia.

É unha oportunidade para ver os mellores exemplares reunidos en Friol.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade