O Castro de Caldelas acolle no recinto do Toural a súa Feira de gando
As restricións pola dermatose nodular contaxiosa aínda están vixentes e a de hoxe é a primeira feira de gando nesta vila dende decembro
O gando vai chegando de a pouco ao recinto do Toural. Desta vez procede fundamentalmente da comarca de Caldelas.
"Un día que espertamos xa a medianoite coa idea de vir a feira. Aínda que agora a tradición vai a menos, pero recuperouse hai uns anos e moi animados todos, a verdade. E que busca a xente? Un animal novo, depende do peto que traian, iso está claro, depende do presuposto que teña cada un, busca un tipo de animal ou outro".
"Os terneiros poden andar nos dous mil euros, vacas en tres mil, catro mil, depende do gando... Estamos hoxe nunha época bastante boa, algún día tería que ser".
As restricións pola dermatose nodular contaxiosa están vixentes ata o 30 de xuño. Non hai casos rexistrados na comarca e a de hoxe é a primeira feira de gando no Castro de Caldelas dende o pasado mes de decembro. Son moitos os que chegan ata aquí, recoñecen, por curiosidade ou simple nostalxia lembrando as feiras de antano.
"Ben, antes había xente, antes estaba cuberto todo de gando e xente que saía case de noite e volvía chegar de noite os pobos lonxe, todo camiñando".
"En tempos antes cando había isto aquí todo cheo. Daquela aquí facíase unha feira moi boa".
Pero fundamentalmente a unha feira vense a facer negocios.
"A comprar, pero queren moito e as vacas baixaron, sabes? Entón non é boa época para comprar. Se foran baratas compraba aínda que fora toda a feira, pero...".
A próxima cita do calendario feiral do Castro de Caldelas será o 10 de setembro co seu concurso exposición das razas rubia galega, caldelá e vianesa. Non faltará tampouco a poxa das becerras nin o desfile de carros polas rúas da vila.