Publicador de contidos
Publicador de contidos

Matricular un coche clásico: máis fácil e barato coa nova lei

Matricular un coche clásico: máis fácil e barato coa nova lei

En Galicia poden aflorar arredor de 7.000 coches de máis de 30 anos

O 20 % dos turismos galegos ten máis de 70 anos, coa provincia de Ourense cos máis antigos de España, cunha media de 17

Algúns dos clásicos expostos na empresa especializada de Melide
G24.gal 12/11/2024 21:10

Desde outubro, a nova lei de vehículos clásicos vai permitir aflorar todo un patrimonio histórico automobilístico agochado nos alpendres de toda Galicia. Calculan que uns 7.000 vehículos con máis de trinta anos, os chamados clásicos ou históricos, que teñen unha segunda oportunidade e ademais poderán aproveitar exencións, como circular por zonas de baixas emisións e ITV máis laxas, entre outras.

O son dos coches clásicos que superan os 30 anos coma os dunha empresa especializada de Melide cativa. Ao seu propietario a afección aos clásicos vénlle da infancia. Un interese moi común en Galicia, favorecido ultimamente polas redes.

"Se comparamos co resto de España, en Galicia e na zona norte hai moita máis afección aos clásicos ca no resto. Poderiamos dicir que aos galegos nos gustan os coches e, sobre todo, os clásicos", asegura Nicolás Rodríguez, propietario de R&R Classic Cars.

Coa nova normativa, en vigor desde outubro, é máis fácil e moito máis barato matricular un coche como clásico. En Galicia poden aflorar arredor de sete mil que se sumen aos 3.100 censados. O 20 % dos turismos galegos ten máis de 70 anos, coa provincia de Ourense cos máis antigos de España, cunha media de 17.

"Aflorarán moitos coches que estaban nun pendello ou en vías de rehabilitación e hai máis facilidades canto ás ITV", relata Santi Martínez, editor da canle Documentos del motor.

"Hai xente especializada, custa diñeiro pero hai quen o vai facendo por si, se non, sería moi caro", explica Manuel Chousa, vicepresidente do club Auto Clásico de Lugo.

O condutor dun coche clásico adoita ser un varón entre os 40 e os 60 anos, con capacidade económica, máis estranxeiros ca nacionais. Pero parece estar cambiando como constatan nos clubs de afeccionados como de Chousa.

"Somos arredor de 300 socios. Moita afección e sobre todo estamos captando moita xente nova, de vinte e pico de anos".

"Hai moita xente nova que o que fai é restaurar o coche do avó, pai... son os que teñen na casa, e así se van afacendo a estes coches", di o editor de Documentos del motor.

En España hai aproximadamente 50.000 clásicos. Nada comparable co millón e medio do Reino Unido ou os 600.000 de Alemaña. Un patrimonio que a nova lei busca potenciar.

"É un patrimonio noso que se debería valorar e conservar e que estes coches non rematen no estranxeiro", opina Santi Martínez.

Para Nicolás Rodríguez, de R6R Classic Cars:

"Calquera clásico hoxe en día é un valor seguro, é moi difícil perder cartos nun clásico".

Sempre se pode investir nos youngtimer, aspirantes a ser clásicos nuns poucos anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade