Malestar na cidade de Ferrol porque o Rácing teña que xogar polo ascenso en Balaídos
Desde o club asumen a decisión da Federación española: "As regras estaban postas, xogamos a hora e media nun gran campo e só nos temos que preocupar por gañar"
O alcalde, Ángel Mato, "tremendamente enfadado", porá autobuses á disposición dos afeccionados
O Racing de Ferrol e a súa afección terán que volver a Balaídos para xogar polo ascenso. A Federación española designou o campo do Celta para a celebración do Rácing- Nástic, primeiro partido do playoff, a pesar de que a Malata tamén era unha opción.
No Rácing asumen esta decisión que se basea no número de entradas solicitadas polos participantes.
Carlos Mouriz, director xeral do Rácing, recoñece que "as regras que estaban postas son claras. Tivemos a sorte de que a fase de ascenso se xogue en Galicia. Non nos tocou o premio gordo de xogar na casa, pero xogamos a hora e media nun gran estadio". "Temos que preocuparnos de gañar", engadiu.
Pero sentou mal en Ferrol porque contaban xogar no seu campo. O alcalde, Ángel Mato, "tremendamente enfadado", asegura que llo garantiron cando asinou un convenio coa Federación galega por trinta mil euros. "Son cartos públicos", remarcou. "Gustaríame saber cal vai ser agora o retorno económico para a cidade de Ferrol. O que si vai supoñer é unha serie de custos para o Concello", dixo nunha entrevista para o programa 'Zona mixta' da Radio Galega. E confesou estar "tremendamente decepcionado".
Incluso a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, envioulle unha carta á Federación Galega de Fútbol para que intermedie coa española e o Rácing xogue na Malata.
En todo caso, os racinguistas disporán de autobuses para desprazarse a Vigo. Balaídos déuselles ben na liga regular. A vitoria de hai dez días contra o filial do Celta meteríaos na final polo ascenso.