Malestar entre os mariscadores da ría de Ferrol pola situación do banco das Pías
Unha ampla zona da ría vaise reclasificar como zona C
Denuncian tamén que os furtivos campan ás súas anchas
A ría de Ferrol vive unha situación preocupante.
"O banco das Pías vai pasar de zona B a C. Isto ocasiona problemas tan graves como que o marisco que estaba indo para as bateas, que é a zona máis interior da ría, vai tardar máis en depurar. E os mariscadores desanímanse porque non é o mesmo que o vendas no día, á semana ou aos 15 días", explica Gustavo Chacartegui, patrón maior da confraría de Ferrol.
Esta vai ser a primeira vez, desde hai sete anos que foi cando se comezou a notar unha mellora na ría grazas á depuradora de Prioriño, que se vai reclasificar unha ampla zona das Pías como zona C, isto é de mala calidade da auga.
"Isto desanima porque estamos traballando nunha zona que dá un paso atrás", engade Chacartegui.
Malia que aínda non se coñecen as causas exactas do problema, todo apunta ao mal funcionamento da depuradora.
"É unha hipótese. Pero, ao mellor, esa depuradora que estaba traballando ao 60 ou 70 por cento, agora estea traballando ao 20 por cento por algún problema que puidera ter. E por iso aumentou a presenza de E. coli", di o patrón maior da confraría de Ferrol.
E a todo isto hai que engadirlle o problema do furtivismo.
"Este marisco é delito contra a saúde pública. Os niveis de zona D están nas beiras das rías que é a onde van os furtivos. Ese marisco vai acabar, seguramente, na mesa de alguén. E isto pode ocasionar que alguén acabe no hospital ou algo peor", conclúe Gustavo.
Desde o sector reclaman medidas urxentes.