Máis de catro anos e a expulsión do país por agresión sexual a unha nena de 5 anos en Lugo
Ademais da pena de cárcere, recibe unha orde de afastamento durante 8 anos
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou un home a unha pena de catro anos e tres meses de prisión como autor dun delito de agresión sexual contra unha nena de cinco anos de idade. Ademais, deberá pagar 15.000 euros aos pais da menor en concepto de indemnización.
Segundo recolle a sentenza, os feitos ocorreron cando o acusado se atopaba ao coidado da menor na súa vivenda, aproveitando a ausencia dos pais da nena para levar a cabo a agresión.
O tribunal considera probado o ocorrido tras avaliar as declaracións da vítima, así como os testemuños achegados polos seus proxenitores e polos profesionais que interviñeron na súa atención. Ademais, recoñece o agravante que supón o feito de ter só 5 anos "pois non contaba coa capacidade para poñer opoñerse".
Durante o xuízo, a Fiscalía pediu unha pena de 5 anos e 6 meses de prisión mentres que a acusación particular elevouna a 6 anos. No xuízo, a defensa pediu a nulidade das actuacións en base a que non recibiu unha declaración como investigado, pero a sala determinou que non hai circunstancias que o avalen.
Ademais da pena de cárcere, recibe unha orde de afastamento durante 8 anos e a expulsión do país cando cumpra partes da condena ou teña a liberdade condicional, xa que o condenado é de nacionalidade colombiana.
A resolución xudicial aínda non é firme e poderá ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).