Máis de 13.400 estudantes galegos remataron os exames da PAU
Con menos nervios que nas xornadas anteriores, este xoves os plans de verán xa andan na cabeza da maioría
Remataron os exames de acceso á Universidade, e na porta da facultade de Xornalismo en Santiago nótase. Este grupo de mozas comeza a planificar a festa deste xoves e o verán.
"Con moitas ganas de saír de festa porque levo moito tempo pechada na casa estudando". "Vou de viaxe coas miñas amigas". "Vou intentar sacar o carné e pasalo o mellor que poida, que é un verán único, que é o dos 18 anos", comentan.
Despois de xornadas de esforzo, nervios e repasos apurados, xa coas probas feitas a sensación compartida era de alivio.
"Os exames que fixemos ao longo do curso eran máis difíciles ca estes". "Creo que foi máis duro segundo todo o curso, a min a selectividade non me pareceu para tanto", explican.
Este xoves examináronse de materias optativas e de Lingua galega e literatura.
"Esperaba Otero Pedrayo polo 50 aniversario da súa morte e Begoña Caamaño, pero caeron Neira Vilas e Luísa Castro".
"Non fun con historia nin con debuxo técnico, pero si escoitei que houbo moita polémica pedindo a dimisión dos responsables", explican os estudantes.
A Comisión Interuniversitaria de Galicia desculpouse polos erros no exame de debuxo técnico. Descarta a repetición das probas e mantén que avaliará con "criterios máis flexibles a pregunta de historia que causou controversia".