Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fortes trombas de auga e 10.000 raios deixan centos de incidencias en Galicia

Fortes trombas de auga e 10.000 raios deixan centos de incidencias en Galicia

Na cidade de Ourense houbo acumulacións de 95 litros por metro cadrado

As chuvias intensas ocasionaron problemas en Foz, Burela e Barreiros

A póla dunha árbore caeu sobre un coche con dous ocupantes na Coruña

G24.gal 09/09/2023 20:25 Última actualización 09/09/2023 23:10

As tormentas deste sábado, coas catro provincias en aviso amarelo, deixaron un regueiro de incidencias en Galicia. Segundo MeteoGalicia, dende a tarde do venres caeron máis de 10.000 raios sobre o territorio galego.

O aparello eléctrico veu acompañado de fortes trombas de auga. Na cidade de Ourense, as precipitacións deixaron acumulacións de 95 litros por metro cadrado que provocaron inundacións puntuais en zonas do centro da capital provincial.

Atravesar a Ponte Nova este mediodía en Ourense era como vadear un río, coa auga por riba das rodas dos coches. Foi precisa a intervención dos bombeiros para achicar. E a mesma situación repetíase no resto das pontes da cidade. Na vella, a auga saía en cascada polos aliviadoiros e as terrazas voaron, literalmente.

"Estabamos recollendo os parasois e xa non nos deu tempo. Empezou a correr todo por aí abaixo e auga, auga...", sinala a camareira da Tapería Sixtina, na ponte vella de Ourense.

Tamén foi precisa a intervención dos bombeiros para retirar dúas árbores, que caeron sobre os coches que estaban aparcados.

"Cederon polas raíces e caeron sobre vehículos, polo que tivemos que cortalos. No momento da tromba de máis auga, a maior parte de Ourense anegouse completamente", asegura Javier Mosquera, cabo dos bombeiros de Ourense.

A rúa Celso Emilio Ferreiro, en obras desde as treboadas do mes de maio, volveuse encher de auga. Os asolagamentos sucedéronse por distintas rúas da cidade. 

Máis dun cento de incidencias

O 112 Galicia xestionou 132 de incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa durante este sábado, entre a medianoite e as seis da tarde.

Segundo comunicou a central de emerxencias, a maioría, 34 casos, estiveron relacionadas coa presenza de ramas ou árbores nas vías de circulación.

Ademais, 22 casos pola presenza de terra, pedras ou bolsas de auga nas estradas, 13 inundacións en vivendas e 11 en rúas.

Así mesmo, unha decena das incidencias tiveron que ver coa prevención de riscos: postes de iluminación ou carteis e tellados a piques de caer.

As provincias máis afectadas foron as de Ourense e Pontevedra, ambas as dúas con 39 casos, seguidas de Lugo, con 32, e A Coruña, con 22.

Os concellos cun maior número de incidencias foron Ourense, con 24; Lugo, con sete; Vigo, que sumou seis, e O Porriño e Mos, con cinco cada un.

Desprendemento dunha carpa

O temporal tamén provocou o desprendemento dunha carpa en Lugo, que deixou unha persoa ferida. O implicado foi evacuado en ambulancia ao hospital universitario Lucus Augusti despois de ser golpeado na cabeza polo toldo da festa na parroquia de Meilán.

Incendio en Begonte

Dúas vivendas resultaron afectadas polos raios desta tarde na provincia de Lugo. En Begonte, unha casa ardeu en Uriz a consecuencia da treboada. Os donos están fóra estes días. Foron os veciños os que alertaron aos equipos de emerxencia porque as súas propias vivendas tamén resultaron afectadas pola descarga.

En Chantada, a treboada tamén pode estar detrás dun incendio localizado no cadro eléctrico dun edificio da rúa Julio Camba e que foi sufocado polos bombeiros da localidade. A causa puido ser unha sobrecarga provocada por un raio. Os veciños tiveron que desaloxar o edificio a través dun bar situado no mesmo inmoble.

Caída dunha póla

Na Coruña, caeu a póla dunha árbore sobre un coche que se atopaba parado no semáforo da praza de Catro Camiños. Os dous ocupantes do vehículo saíron ilesos.

O suceso ocorreu contra as dúas desta tarde na rúa Concepción Arenal. Non se sabe de momento se o desprendemento da póla tivo ou non que ver coa tormenta vivida durante a noite na cidade.

Chuvias na Mariña

Tamén foron moi intensas as chuvias na Mariña. En Foz, os sumidoiros non daban abasto e a auga inundou as instalacións portuarias.

As precipitacións tamén ocasionaron problemas noutros puntos da comarca: Burela, Barreiros ou Ribadeo rexistraron intensas chuvias, que remitiron nas últimas horas. 

A situación mellora o domingo, aínda que se mantén o aviso amarelo na totalidade da provincia de Lugo, na montaña de Ourense e na comarca de Valdeorras, onde se agarda outra xornada de fortes tormentas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos