A choiva duplica a distancia de freado e cómpre revisar os pneumáticos
É a medida fundamental para evitar accidentes co tempo húmido
Tamén hai que coidar os limpaparabrisas e as pastillas de freo
Trona... así que nos lembramos de Santa Bárbara. Chegou a choiva e son moitas e moitos os que estes días pasan polo taller para preparar o coche para o tempo de inverno. Fan ben. Con auga, neve ou xeo, cambian as condicións da estrada e por iso hai que tomar precaucións. A primeira recomendación é revisar os pneumáticos. Co asfalto mollado, é esencial garantir que os vehículos se agarran ben á calzada. É un consello ben coñecido pero que non atendemos sempre.
"Hai de todo. Hai algúns que teñen a roda a medio uso e xa a queren cambiar e aínda que lle digas: 'Aínda podes aproveitala un pouco', queren cambiala xa. E hai outros que van ao límite", conta Miguel Araújo, o encargado dun taller de Vigo.
"Eu son un maniático para isto, sempre que saio de viaxe mírolle aceite, filtros", asegura un cliente que acaba de deixar a coche no taller. "Eu lévoo á casa oficial, sempre. Agora téñoo alí", di outro.
"Regular, preocúpome moi pouco", recoñece unha condutora. "Eu aínda estou aprendendo pero si", afirma unha moza que está a sacar o carné".
"Onte estiven no taller, para mirarlle as rodas e o aceite. Si que me preocupo", afirma outro home. "Os pneumáticos, perfectos. Eu téñoos un pouco gastadiños así que xa toca", engade un condutor que acaba de chegar á cita para cambialos.
A norma establece que a profundidade mínima que debe de ter un pnemático é 1,6 milímetros pero o recomendable, para conducir en inverno é que teñan máis de tres.
"Temos que ter en conta que a distancia de freado pode aumentar ata o dobre nesta situación", alerta Jorge Rapado, profesor dunha autoescola.
Ademais, para a choiva é importante renovar os limpaparabrisas. Tamén as pastillas de freo. Hai coches que avisan cando están gastadas, pero outros non.