Abanca integra o EuroBic reforzando o seu posicionamento no mercado portugués
O banco galego abre unha nova etapa en Portugal co obxectivo de reforzar a súa posición no mercado portugués e ibérico
Durante esta fin de semana tiveron lugar as últimas accións do proceso de integración que quedaban por executar do EuroBic na entidade
Oficina de Abanca en Portugal
Abanca culmina a integración de EuroBic e reforza o seu posicionamento en Portugal. A entidade informou este luns de que completou a integración de EuroBic e dá por finalizado de maneira definitiva o proceso iniciado en xullo do ano pasado, data en que se pechou o acordo de compravenda. Segundo traslada nun comunicado, durante esta fin de semana tiveron lugar a integración xurídica, a migración tecnolóxica do negocio de EuroBic á plataforma Abanca e o cambio de marca nas oficinas e caixeiros, as últimas accións do proceso de integración que quedaban por executar. Todas elas realizáronse segundo o previsto. Desta maneira, o banco abre nova etapa en Portugal co obxectivo de reforzar a súa posición no mercado portugués e ibérico.
"Esta operación proporciónanos unha plataforma para seguir crecendo en Portugal de maneira orgánica, posicionándonos como unha entidade de referencia para as empresas e os particulares a través dun modelo de banca innovador e altamente tecnolóxico", destacou o presidente da entidade, Juan Carlos Escotet. "A calidade do noso equipo no país, que acredita un profundo coñecemento do mercado portugués sumada ás nosas capacidades e enfoque especializado, permítennos chegar a segmentos claves na nosa estratexia a través dunha proposta de valor diferencial", explicou, pola súa banda, o conselleiro delegado, Francisco Bota
A de EuroBic é a integración de maior alcance das dez que Abanca realizou no últimos dez anos, acreditando a súa capacidade de planificación e execución neste tipo de operacións. A entidade comunicou que os clientes de EuroBic operan xa con normalidade na nova plataforma, con acceso a un catálogo de produtos e servizos "máis amplo e diversificado e unhas maiores capacidades tecnolóxicas". Entre elas, Abanca destaca a integración da intelixencia artificial xenerativa (IAG) na web e a banca móbil do banco, para a atención de consultas de clientes e non clientes, a través do servizo Sofia.
En todas as fases desenvolvidas nos últimos dous anos no conxunto do proceso de integración traballaron 700 persoas organizadas en 13 equipos, cunha cifra de 410.000 horas de traballo e 3.350 tarefas completadas. As oficinas integradas esta fin de semana locen dende hoxe luns Abanca como única marca. Na operación de substitución participou un equipo formado por máis de 250 persoas entre técnicos externos e persoal do banco.