Irán asegura que Washington debe elixir entre a diplomacia e a confrontación
Teherán considera que tras presentar a súa última proposta de paz "agora a pelota está no campo dos EUA"
Trump considera insatisfactoria a oferta que propón o final definitivo da guerra e a reapertura de Ormuz
Un cartel contra os EUA en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS
Irán considera que os Estados Unidos deben elixir entre a diplomacia e a confrontación despois de que Teherán presentara o xoves unha nova proposta para poñer fin á guerra de xeito permanente.
A oferta, que lle entregou a Paquistán como mediador nas negociacións de paz entre ambos os dous países, non gustou a Donald Trump que a tachou de insatisfactoria.
"Agora a pelota está no campo dos Estados Unidos, que debe elixir entre o camiño da diplomacia ou a continuidade dunha estratexia baseada na confrontación", afirmou o viceministro iraniano de Exteriores, Kazem Gharibabad, nunha xuntanza con diplomáticos estranxeiros en Teherán.
Segundo informa a axencia Mehr, o mandatario persa asegura que apostan por unha saída diplomática ao conflito, pero manteñen plena disposición para responder ante calquera nova agresión estadounidense-israelí.
"A República Islámica de Irán, co obxectivo de garantir os seus intereses e a seguridade nacional, está preparada para ambas as dúas vías”, sinalou.
Ademais, Gharibabadi cuestiona a sinceridade estadounidense no proceso e amosa a súa desconfía na Casa Branca.
Barcos no estreito de Ormuz este primeiro de maio. REUTERS
Remate definitivo da guerra e reapertura de Ormuz
Segundo medios estadounidenses, Teherán ofreceu o remate definitivo da guerra e a reapertura do estreito de Ormuz a cambio do levantamento do cerco dos EUA sobre os portos e os buques iranianos, mentres posterga a negociación nuclear a unha fase posterior.
Irán e os Estados Unidos mantiveron unha reunión de alto nivel en Islamabad os pasados 11 e 12 de abril, pero non lograron un acordo para poñer fin ao conflito iniciado o 28 de febreiro, actualmente suspendido baixo unha tregua prorrogada para facilitar as conversas.