Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Facultade de Medicina de Santiago rexeita a descentralización do grao, pero ábrese a negociar cambios

A Facultade de Medicina de Santiago rexeita a descentralización do grao, pero ábrese a negociar cambios

A Xunta da Facultade considera “inapropiado” o acordo na súa redacción actual

O centro alerta dun posible precedente que afecte á cohesión do sistema universitario galego

Reclaman garantías académicas, memoria económica e un calendario viable

G24.gal 24/11/2025 17:20 Última actualización 24/11/2025 17:36

A Xunta da Facultade de Medicina da USC rexeitou o acordo de descentralización do grao aprobado pola Docencia Clínica e pola Universidade da Coruña ao considerar que, na súa formulación actual, non resulta “apropiado”. O órgano pediu unha revisión substancial do documento antes de poder apoialo.

A facultade advertiu que o modelo proposto podería crear un precedente que afecte á cohesión e á planificación do sistema universitario galego ao fomentar solucións negociadas sen criterios académicos ou científicos comúns. Indicou que esta situación podería prexudicar o conxunto da universidade pública.

Aínda así, a Xunta expresou a súa disposición a negociar e a presentar propostas, mais subliñou trece puntos que, ao seu xuízo, poñen en risco a formación médica en Galicia.

Demandas sobre competencias, impacto e financiamento

O centro pediu definir con precisión o significado de “unidade docente descentralizada” e concretar as súas competencias dentro da estrutura académica da USC. Tamén reclamou avaliar o impacto docente, asistencial, investigador e económico da medida, así como os seus efectos sobre a mobilidade e a equidade do alumnado.

Solicitou un anexo con memoria económica e de infraestruturas que detalle os custos e fontes de financiamento, ademais dunha memoria específica sobre o persoal necesario.

Críticas ao calendario e proposta alternativa

A facultade cuestionou o calendario de implantación, previsto para os cursos 2027-2028 e 2028-2029, ao considerar prematuro iniciar a docencia teórica de quinto curso dun plan en extinción, o que xera duplicidades.

Como alternativa, propuxo descentralizar a docencia de cuarto curso en 2029-2030 e a de quinto en 2030-2031, unha modificación que atrasa o calendario inicial, pero evita a colisión entre plans e garante que o alumnado actual non teña que ser descentralizado.

Preocupación pola adscrición do profesorado e polo risco de novas facultades

A facultade reclamou revisar a adscrición do profesorado das unidades descentralizadas ao considerar inédito que o 50% non teña vinculación coa USC, o que, segundo expuxo, compromete a coherencia académica e o control de calidade.

Esixiu ademais que todas as unidades estean baixo autoridade directa da Facultade de Medicina, que ningún estudante sexa descentralizado sen solicitalo e que haxa representación de estudantes na Comisión de Seguimento.

Sobre a posible creación de novas facultades de Medicina, pediu incluír unha cláusula que impida que as unidades descentralizadas deriven en futuras peticións nesa liña. Afirmou que Galicia “non necesita máis facultades, senón reforzar a estrutura que xa funciona”.

Solicitou retirar dos anexos a referencia a futuras propostas de descentralización antes do vencemento do convenio.

A posición da facultade contrasta co acordo ratificado pola Docencia Clínica e pola UDC. O pronunciamento tamén coincide co rexeitamento expresado por parte do profesorado e polo estudantado, que a semana pasada mostrou a súa oposición á iniciativa.

A USC ten previsto tratar esta cuestión no Consello de Goberno convocado para este venres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade