OPINIÓN
Madrid ordena o litoral elevando o risco regulatorio da industria galega, por María Bastida
O Goberno central iniciou unha reforma do regulamento de costas que obrigará a que as concesións para ocupar o dominio público marítimo-terrestre (esas das que dependen miles de instalacións industriais, depuradoras, cetarias ou empresas de primeira transformación) se sometan a concurso público e deixen de poder prorrogarse de maneira automática. O problema é que esta modificación non só afecta ao acceso futuro ao litoral, senón que introduce incerteza sobre a continuidade de actividades económicas que levan décadas operando nel.
Creo que aquí hai un problema mal resolto cunha solución administrativamente cómoda e economicamente torpe. España tiña isto mal desde hai anos. O sistema de concesión inicial con prórrogas practicamente regradas ata 75 anos sobre un recurso escaso de dominio público, como é o litoral, é moi difícil de defender baixo a Directiva de Servizos. Parécese demasiado a unha adxudicación patrimonial case permanente, sen procedemento competitivo, sobre un recurso limitado. Así que isto ía pasar si ou si.
Pero a solución elixida é perigosísima. Porque o que parece que se está intentando facer é resolver un problema de acceso competitivo introducindo incerteza sobre o dereito de continuidade. E iso, en sectores con investimento específico, activos non relocalizables, amortizacións longas e dependencia física do medio, non introduce competencia, senón risco regulador. O que se está a propoñer é que unha depuradora no Grove ou unha cetaria en Boiro deixe de ser un investimento industrial para converterse nun investimento con risco político a 30 anos. E no momento en que o investidor sabe que dentro de 30 anos o seu activo pode ir a concurso sen compensación, ese activo deixa de ser financiable hoxe. Non en 2055. Hoxe.
Podíase facer doutra forma? Si. Perfectamente. A Directiva esixe transparencia, concorrencia e non automatismo. Pero dende logo non pide tratar igual actividades móbiles e ancoradas, eliminar a renovación preferente, ignorar activos afundidos, impedir a continuidade funcional ou non compensar investimento específico. Hai moitas outras opcións: renovación condicionada a investimento, dereito preferente do concesionario, compensación obrigatoria en caso de substitución ou concesións funcionais ligadas á actividade. Por sintetizar: competencia ex ante sen destrución ex post de capital.
O realmente preocupante é que isto non vai de medio ambiente. Vai de que, se introduces incerteza xurídica intertemporal sobre capital específico territorial nunha agrupación industrial como a mar-industria galega, o que fas non é ordenar o litoral, senón elevar o custo de capital de todo o sector. E iso Galicia non pode permitilo, porque aquí non competimos con Rotterdam: facémolo con Portugal.
Se o regulamento sae sen mecanismos de continuidade económica, isto pode ser un deses cambios normativos que parecen neutros en Madrid e resultan contractivos en Vigo, Boiro ou Ribeira durante vinte anos. Sinceramente: había que reformar. Pero facelo así pode saír moi caro.