Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 410 empresas adheríronse ao Bono Cultura da Xunta

Máis de 410 empresas adheríronse ao Bono Cultura da Xunta

O secretario xeral de Cultura lembra que ata o 18 de novembro todos os establecementos interesados poden unirse a esta iniciativa

O Bono Cultura, que pode descargarse desde hoxe, busca incentivar o consumo de produtos culturais a través de descontos

G24.gal 01/11/2021 15:16


O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, cifrou en 410 as empresas adheridas ata o momento ao Bono Cultura que dende hoxe se pode descargar na web www.bonocultura.gal. Nunha entrevista en A Crónica da Radio Galega, Lorenzo dixo que ata o 18 de novembro todos os establecementos interesados poden unirse a esta iniciativa que busca incentivar o consumo de produtos culturais a través de descontos. 

Os usuarios que queiran beneficiarse deben ser maiores de idade e residir en Galicia. Dende hoxe poden acudir á web bonocultura.gal e descargar o Bono Cultura. Terán descontos do 50 por cento en cada produto cultural adquirido nos establecementos adheridos ata chegar a un máximo de 50 euros por usuario. A medida diríxese á compra de produtos musicais, audiovisuais, libros, videoxogos e entradas de concertos e museos. A data límite para facer uso do bono é o 31 de decembro. Segundo Lorenzo, estímase que a medida chegue a unhas 39 mil persoas. 

 "39.000 bonos, son nominais, é dicir, cada persoa só pode ter un bono e polo tanto pensamos que vai haber máis de 39.000 persoas que van poder descargalo e van podelo utilizalo nestes dous meses". 

O requisito para poder descargar estes bonos é ter máis de 18 anos de idade e ser residente en Galicia. Non hai tope de idade para ser usuario. 

"O fomento neste caso do consumo cultural durante estes meses tan intensivos de consumo que preceden ao Nadal, que van estar tamén arredor de Culturgal, que se vai celebrar unha vez máis en Pontevedra a finais deste mes de novembro, pensamos que non pode estar restrinxido a ningún tipo de idade. Non nos parece que teña ningún sentido facelo así e ao revés, á cultura accedemos todos, de todas as idades, e polo tanto pensamos que a restrición non ten absolutamente ningún sentido". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade