Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lugo, Carballo e Ribadeo implantan medidas preventivas de aforro de auga

Lugo, Carballo e Ribadeo implantan medidas preventivas de aforro de auga

En Lugo diminuirán nun 30 % o volume de auga empregada para regar xardíns e nun 50 % o destinado ao baldeo das rúas

En Ribadeo prohíbese encher piscinas, regar, facer baldeos ou lavar vehículos e fachadas

En Carballo pecháronse as fontes decorativas e eliminarán os baldeos e reducirá as regas nas zonas verdes

G24.gal 17/08/2023 14:17 Última actualización 17/08/2023 18:10

Os concelllos de Lugo, Carballo e Ribadeo aplicarán desde este xoves medidas preventivas de aforro de auga para adecuarse á realidade hídrica actual da provincia.

LUGO

No caso de Lugo capital, aínda que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) non decretou situación de alerta ou prealerta por seca, o Goberno local implantará medidas de aforro para minorar a situación de estiaxe que sofre o río Miño ao seu paso pola cidade.

Deste xeito, desde a área de Transición Ecolóxica diminuirán nun 30 % o volume de auga empregada para regar xardíns e nun 50 % o destinado ao baldeo das rúas, baixo a premisa de non comprometer o aseo nin o ornato público.

CARBALLO

En Carballo, Augas de Galicia activou a prealerta por escaseza de auga no río Anllóns polo que o Concello eliminou os baldeos salvo por causa xustificada, pechou todas as fortes ornamentais, tentarán reducir ao máximo os consumos municipais e implantaron un plan de regado das zonas verdes que reduce as frecuencias ao máximo en función de cada xardín.

O municipio de Carballo xa se abastece principalmente da captación do río Bardoso.

Ademais, solicitou a colaboración veciñal para que realicen un consumo responsable de auga, con medidas como evitar encher as piscinas, baldear ou lavar os coches.

Nos próximos días trasladarán á poboación as diferentes medidas e consellos básicos mediante unha campaña de comunicación.

RIBADEO

Con respecto ao municipio de Ribadeo, o Goberno local recibiu un aviso sobre o descenso significativo do nivel do río Eo na contorna da captación de Vilarbetote, o que deu lugar a un escenario de escaseza de auga na devandita captación.

Por este motivo, desde este xoves establécense limitacións nos usos da auga procedente do abastecemento municipal.

Deste xeito, a través dun novo bando, prohíbese encher piscinas, regar, facer baldeos ou lavar vehículos e fachadas.

Así mesmo, ínstase as empresas e industrias a facer un uso razoable da auga, facendo fincapé en que o uso prioritario é a subministración á poboación.

Ademais, pídese prestar especial atención á detección de fugas e avarías nas vivendas, e a adoptar medidas de aforro de auga nos domicilios.

Estas medidas súmanse ás xa adoptadas na Mariña lucense, por varios municipios, como Barreiros, O Valadouro e Xove, que desde inicios de agosto demandan un uso responsable da auga e limitar o uso a cuestións imprescindibles, mentres que Guitiriz, no interior da provincia, está prohibido encher piscinas.

Por outra banda, na cidade da Coruña e os concellos da área establecéronse restricións ante a seca, como reducir baldeos e regas e prohibir o lavado de coches fóra de establecementos autorizados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade