Lugo despide as festas do San Froilán co domingo das mozas
O bo tempo ateigou as casetas do polbo no último día das festas patronais
O domingo das mozas é un dos días grandes do San Froilán, con protagonismo para a música e o traxe tradicionais. É o momento para presumir.
"Se cadra non é o máis cómodo pero ten unha función que é parar da chuvia, esta coroza", di un dos participantes.
"Unha das cousas máis importantes é a roupa e pensar que isto é noso. Non perdelo", engade outra muller vestida co traxe tradicional.
"A tradición segue, como ten que ser. O domingo das mozas é un día dos de toda a vida, gústanos vestirnos, presumir e a iso vimos. Madrugamos, con resaca da noite anterior, pero hai que vir", defende outra das asistentes.
"É algo que nos gusta moito. Seguimos esta tradición e todos os anos intentamos vestirnos e pasar un día alegre con todos. E que isto siga adiante", argumenta o seu acompañante.
A xornada está chea de actividades para todos: ofrenda a Rosalía de Castro e xogos e espectáculos para a cativada.
O día rematará tamén con música: a de Guadi Galego na Horta do Seminario e a verbena na praza Maior.
"Fenomenal, moi ben, estiven varias veces e estiven noutros sitios, pero está precioso, un sitio para os nenos...", conta unha muller que se achegou ata Lugo.
"Vimos todos os anos, hai que vir porque é unha tradición de sempre vir comer o polbo ás casetas e ver todo", afirma outra asidua a estas festas.
"Teño unha fame que non podo máis e aínda por riba estou sen viño."
Coma de costume, as casetas do polbo van seguir atendendo a clientela ata finais de mes.