Seis intoxicados nunha polbeira en Lugo ao tomar café mesturado cun líquido de limpeza
O suceso produciuse a madrugada deste sábado e algún dos intoxicados xa foi dado de alta
Seis persoas resultaron intoxicadas na madrugada deste sábado en Lugo logo de tomaren accidentalmente café mesturado cun líquido de limpeza nunha polbeira da cidade.
O suceso produciuse sobre a unha da mañá, cando un grupo de persoas celebrara o San Froilán ceando nunha polbeira de Lugo. Xa era a hora de pechar e no local quedaban dúas mesas, unha que xa estaban recollendo para marchar e outra en que se pediu repetir o café antes de saír. Nese momento estaban intensificando os labores de limpeza na cociña, xa que era a hora de pechar.
Coa trasfega, accidentalmente colleuse unha cafeteira en que había líquido para limpar e amaioróuselle a ese líquido o café para servir. Cando se decataron do erro, os clientes xa empezaran a consumir o café, resultando seis deles danados.
Tanto os donos da polbeira coma os clientes chamaron a emerxencias. Cando chegaron as ambulancias arrancaron cos intoxicados para o HULA, onde recibiron asistencia. As queimaduras foron de diferente consideración e algún dos intoxicados xa foi dado de alta este sábado.