Os comisarios do recinto feiral vixían que todo estea en orde no San Froilán
Dous policías locais, adscritos á área municipal de Cultura, supervisan durante un mes as barracas do San Froilán
Coma se dun microestado se tratase, o recinto feiral do San Froilán conta co seu propio corpo policial, adscrito á área municipal de Cultura durante un mes enteiro. Os xendarmes deste país en miniatura con máis de 180 atraccións e postos de venda son Manuel Cerdeira e Jesús Mato, dous axentes da Policía Local de Lugo que se presentaron para o cargo de comisarios da feira. Xuntos, supervisan que todo estea en orde e xestionan calquera tipo de incidencia.
"Entran vehículos na zona delimitada para atraccións, outras veces, extralimítanse na zona acoutada para eles..." explica o comisario Jesús Mato.
"Do que é a seguridade pública encárgase a policía local, evidentemente. Nós estamos en contacto permanente con eles e en coordinación cos bombeiros, con Protección Civil e con todos eses servizos", engade o outro comisario, Manuel Cerdeira.
A demarcación dos vixiantes do recinto feiral abrangue un pequeno territorio delimitado polas rúas que rodean as barracas. Teñen, ademais, a súa propia comisaría, unha caseta igual de efémera que a feira. E no coche asignado, un vehículo eléctrico, realizan unha morea de desprazamentos curtos, que se suman aos que fan a pé varias veces ao día.
"No único sitio do país que o hai é aquí en Lugo. Noutros lugares hai unha casetiña onde está un supervisor, e se tes algún problema telo que ir buscar a esa oficina", asegura José Luis San Máximo, xerente dunha atracción.
"Atentos a todo, serviciais e todo moi recto, con cadaquén no seu posto", afirma José María Fernández, traballador dun posto de venda.
Ambos comisarios encárganse así de que a maior festa do outono galego siga sendo iso, unha festa.
