O novo Chuac estará rematado en 2031 segundo o novo calendario pactado pola Xunta e o Concello
As dúas administracións acordan convocar dúas comisións de seguimento anuais e manter a cooperación institucional
A Xunta licitará por máis de 400 millóns de euros a segunda fase das obras
O Novo Chuac será unha realidade en 2031 segundo o novo calendario acordado pola Xunta e o Concello da Coruña. Así o confirmaron os responsables de ambas administracións tras unha reunión da comisión de seguimento celebrada este mércores na cidade herculina.
Na xuntanza participaron representantes dos departamentos autonómicos de Planificación de Infraestruturas e de Sanidade, así como do propio Concello.
O encontro serviu para analizar o avance das obras e concretar os prazos de execución, despois dos atrasos denunciados no seu momento polo goberno local respecto aos calendarios iniciais.
Demolición e accesos, primeiros fitos
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, lembrou que a demolición do Hotel de Pacientes estará concluída este ano e que os accesos ao complexo hospitalario estarán finalizados a mediados de 2027, período no que se manterá tráfico alternativo pola zona mentres duren as obras.
En canto á Torre Polivalente, Martínez Allegue recoñeceu que a excavación “é máis complicada do previsto”. “Son obras complexas, pero avanzan segundo o plan revisado”, indicou.
A Xunta licitará por máis de 400 millóns de euros a segunda fase das obras.
Pola súa banda, o voceiro do goberno local, José Manuel Lage, ofreceu a “máxima cooperación” do Concello e subliñou que a convocatoria desta comisión responde á demanda municipal de clarificar prazos tras os atrasos acumulados.
Lage destacou que o horizonte de 2031 para a finalización do Novo Chuac é un obxectivo “estratéxico” para a cidade e valorou o acordo de celebrar dúas comisións de seguimento anuais como un paso importante para garantir a coordinación entre administracións.