Tres detidos e oito investigados por unha pelexa en Culleredo, que acabou cunha orella cortada
A investigación levou os axentes ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde naquel momento se interviña un mozo de 18 anos por ese motivo
Garda Civil
A Garda Civil, a Policía Local e a Ertzaintza detiveron en Culleredo tres persoas e investigaron outras oito por unha pelexa durante a celebración dunha festa de aniversario en que lle cortaron unha orella a un mozo residente en Euskadi.
O suceso produciuse o pasado 3 de abril nun establecemento de lecer situado no Burgo, onde ás cinco da madrugada se desencadeou unha pelexa multitudinaria entre os asistentes ao evento e outros clientes do local.
Nun primeiro momento, informa este venres un comunicado, un home de 42 anos residente en Culleredo foi trasladado de urxencia ao hospital por unha ferida aberta na cella, e os agresores fuxiron, de forma que non estaban no local ao chegaren as forzas de seguridade. No entanto, ao día seguinte, durante a inspección ocular técnica do escenario da liorta, os axentes atoparon no chan unha orella humana.
A investigación levounos ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde naquel momento se interviña un mozo de 18 anos por ese motivo.
A entrega da orella recuperada fixo posible que fose reimplantada con éxito, mentres continuaban as pescudas para esclarecer o acontecido.
O mozo e parte da súa contorna familiar residían en Euskadi, de xeito que a Garda Civil estableceu unha canle de colaboración operativa coa policía autonómica vasca para o pleno esclarecemento dos feitos.
Despois da investigación, que incluíu a toma de declaracións e a identificación de todos os participantes na rifa, foron detidas tres persoas e outras oito, investigadas.