Un taller de artesanía do cartón pedra restaura en Lugo xigantes e cabezudos
A artesá Marga Portomeñe devolveulles a vida a estes personaxes que levaban décadas sen saír nas festas do San Froilán
Son figuras fundamentais en toda festa que se prece. Así e todo, os xigantes e cabezudos chegaron a estar ausentes nalgunhas das principais citas festivas do país, como ocorreu no San Froilán durante décadas. Neste caso, a súa recuperación débese ao achado por parte dunha artesá do cartón pedra, Marga Portomeñe, que lles devolveu a vida grazas ao seu traballo.
"Un día atopei no auditorio Gustavo Freire, na sala de caldeiras, un montón de cabezudos e os dous xigantes. Entón propúxenlle restauralos á área municipal de Cultura. Restaurámolos e igual había 40 anos que non saían. Había xente que se acordaba, pero a maioría non sabía o que era un xigante, aquí en Lugo", asegura a artesá.
Integrante de Achádego Teatro e alumna de Kukas, Marga Portomeñe foi tamén responsable da restauración dos xigantes e cabezudos de Viveiro. Actualmente, rexenta un taller en Lugo onde recibe encargas de toda Galicia e de Asturias, que atende coa axuda da súa prole.
"A min tamén me apetecía facer creación propia. Entón collín un local do barrio da Tinería, xa que o Concello botaba unha man para alugar baratos os locais e incentivar a zona. Hai un ano que estou alí e axúdame un pouco a miña filla maior", engade Marga Portomeñe.
Entre as súas creacións propias, figura un amplo catálogo de personaxes, como as maruxiñas, os pantagrinos ou as peixeiras, as últimas feitas a grande escala.
