As festas do barrio do Ventorrillo, na Coruña, homenaxearán a Pucho Boedo
O cantante de Los Tamara sempre está presente con ofrendas florais e actos no centro cívico
O gran Pucho Boedo inspira o mural pintado polo artista galego Brais Rodríguez, máis coñecido como Primo Rodríguez.
El mesmo está a ser testemuña da admiración que desperta a súa figura entre a veciñanza: "Estes días veñen a contarme historias. Uns coñecíano persoalmente, outros só de oídas e está moi moi presente".
A escasos metros do mural érguese a estatuta dedicada ao cantante de Los Tamara no Ventorrillo. O barrio coruñés que o viu medrar.
Un veciño comenta que viviu a carón da que foi a súa casa durante 17 anos. Outra veciña lembra como lles dedicaba unha canción a ela e ao seu marido sempre que ían ás festas.
O mural foi sufragado polo Concello da Coruña. Con 20 metros de altura preside agora un espazo do barrio dedicado á figura da gran voz da música galega.
"Faise nunha zona onde tiña precisamente moitísimo enraizamento e onde tivo moi importancia incluso na vida social e cultural", explica o Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Nas festas do barrio, Pucho Boedo sempre está presente con ofrendas florais e actos no centro cívico.
"As velliñas acordan cando ían lavar aos lavadoiros e viña Puchiño e cantaba", comenta Aníbal Rodríguez, vicepresidente da Asociación de veciños do Ventorrillo.
Tampouco faltarán á súa cita no Ventorrillo Los Satélites, unha das orquestras ás que puxo voz Pucho Boedo.