Publicador de contidos

Lorenzana: "Ninguén está libre de sufrir violencia de xénero, pero hai maneiras de previr, detectar e saír rápido desa situación"

Lorenzana: "Ninguén está libre de sufrir violencia de xénero, pero hai maneiras de previr, detectar e saír rápido desa situación"

En Galicia hai máis de 4.000 casos en seguimento policial e no que vai de ano unha muller perdeu a vida

Hai que concienciar da importancia da independencia económica e laboral que teñen que ter as mulleres

Feijóo no 25-N: "A fin da violencia machista é un obxectivo irrenunciable"

María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade, foi entrevistada no 'Bos días'
Iria Lagarón Jiménez 25/11/2021 09:47

A violencia machista foi a máis. A crise sanitaria empeorou a situación, di a ONU. Este ano 37 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas en España. E subiron as violacións denunciadas.

En Galicia hai máis de 4.000 casos en seguimento policial. Hoxe é 25 de novembro, o Día Mundial para a Eliminación da Violencia Machista. Ducias de concentracións e marchas están convocadas por todo o país para denunciala e pedir políticas que a erradiquen.

María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade, foi entrevistada no informativo Bos días, onde destacou que é moi importante que se vexan as persoas que hai detrás das cifras e que o importante é que a sociedade teña conciencia de que detrás de cada unha desas mulleres hai persoas e familias "machacadas". Afirmou que hoxe é un día moi importante para ver a testemuña da persoa, para empatizar con esas mulleres.

Dezasete procedementos ao día por violencia machista

Cada día  inícianse 17 procedementos por violencia machista. No que vai de ano, unha muller perdeu a vida en Galicia. No primeiro trimestre deste ano interpuxéronse un total de 1.434 denuncias. 

Lorenzana destacou que as denuncias se están a incrementar e parece que se activan por parte das mulleres os recursos que teñen á súa disposición. Destacou que a estrutura que hai en Galicia, moi illada e con moitas aldeas no medio rural, dificulta o acceso tan directo que pode ter unha muller nunha vila máis grande ou nunha cidade. 

Fixo especial fincapé en que todas as mulleres teñen que coñecer que teñen moitos recursos á súa disposición, como o teléfono 016 ou os centros de información á muller (máis de 80 en toda a comunidade autónoma).

Subliñou que é importante que sexan conscientes de que todos os recursos que teñen ao seu dispor teñen detrás profesionais que van entender e saber como tratar cada situación.

Afirmou que a sociedade xa está concienciada do problema que supón a violencia de xénero, por iso: "É transcendente que os poderes públicos apoiemos estas mulleres e que lles traslademos que desta situación se pode saír". 

Avances na cobertura legal

Na cobertura legal avánzase algo. O último, incluír a violencia dixital ou en liña contra as mulleres en Galicia. E hai que destacar a unanimidade dos tres partidos con representación parlamentaria.

A conselleira de Emprego e Igualdade destacou que nun problema tan grave como é o da violencia de xénero, a lexislación está adaptada a eses cambios que se están producindo.

Subliñou que "a violencia de xénero é unha cuestión que está por riba de calquera ideoloxía política" e que é unha cuestión en que todas as ideoloxías políticas teñen máis en común que o que as afasta.

Quixo destacar que está especialmente contenta de que en Galicia o estean demostrando e que as iniciativas partan dos distintos partidos políticos. 

Galicia, primeira comunidade que inclúe a contorna dixital dentro da Lei de violencia

Lorenzana quixo facer unha mención especial á iniciativa do PP, apoiada polos outros grupos políticos do Parlamento, sobre a modificación para incorporar a violencia a través das distintas tecnoloxías (correo electrónico, redes sociais ou redes de mensaxería), porque ese é o medio máis habitual que teñen os mozos para comunicarse. Destacou que hai que iniciar a sensibilización e a educación polos mozos.

Concienciación da mocidade

Canto á mocidade, a conselleira amosouse moi preocupada en que identifiquen as condutas machistas que poidan derivar nunha violencia de xénero. Dixo que nas campañas de concienciación están intentando adaptarse a como falan os mozos e á súa forma de comunicarse.

Insistiu en que hai que centrarse na prevención, que pasa pola sensibilización e educación da xuventude, e en concienciar da importancia da independencia económica e laboral que teñen que ter as mulleres. Ninguén está libre de sufrir violencia de xénero, destacou, pero hai maneiras de previr, detectar e saír rápido desa situación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade