Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo, no 25-N: "A fin da violencia machista é un obxectivo irrenunciable"

Feijóo, no 25-N: "A fin da violencia machista é un obxectivo irrenunciable"

"Garantir a liberdade e seguridade das vítimas non é unha opción, é unha obriga democrática", sentenciou Valentín González Formoso, do PSdeG

"A campaña do BNG busca a implicación dos homes na loita contra o machismo porque quedar calado non é unha opción", asegurou Ana Pontón, do BNG

G24.gal 25/11/2021 16:38

Galicia tamén se sumou a este 25 de novembro, Día da Loita contra a Violencia de Xénero. Un problema social que, segundo a ONU, empeorou coa pandemia. Este ano 37 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, leu unha declaración institucional contra a violencia de xénero tras un Consello da Xunta que comezou de forma moi solemne. Comprometeuse a traballar para que ningunha muller se sinta soa, e asegurou que a fin da violencia machista é un obxectivo irrenunciable.

Tivo palabras de lembranza para Mónica Marcos, a coruñesa asasinada a coiteladas en setembro pola súa parella. Por ela, e por todas as vítimas, gardouse un minuto de silencio ás portas de San Caetano. 

A campaña da Xunta deste ano é moi rotunda cunha palabra: NON. O obxectivo é animar a denunciar e fai explícita a repulsa de toda a sociedade galega á violencia contra as mulleres.

Actos dos partidos políticos galegos

Os partidos políticos galegos sumáronse tamén á xornada reivindicativa con propostas concretas e chamadas á concienciación social, ademais de numerosos mensaxes nas redes.

"Garantir a liberdade e seguridade, e protexer as vítimas non é unha opción, é unha obriga democrática de todos e todas, pero como representantes políticos, pero a loita contra a violencia machista interpela a todas as administracións públicas", explicaba Valentín González Formoso, do PSdG.

"Este ano a campaña do BNG do 25-N apela directamente os homes buscando a súa implicación na loita contra o machismo que se da en tantas situacións cotiás, porque entendemos que quedar calado non é unha opción", asegurou Ana Pontón, do Bloque Nacionalista Galego.

Os populares galegos teñen tamén un chío en Twitter. Con el subliñan o camiño percorrido en Galicia nesta loita contra a violencia machista. O lema desta xornada diríxeno ás vítimas, recordándolles que sempre hai saída.

Condena á violencia machista tamén na Delegación do Goberno na Coruña, que se iluminou de violeta. Houbo un minuto de silencio en lembranza das vítimas. O delegado do Goberno, José Miñones, leu a declaración institucional instando a dicir basta á violencia contra as mulleres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade