Publicador de contidos

Publicador de contidos

Localizan no río Mandeo a carteira do veciño de Betanzos que permanece desaparecido

Localizan no río Mandeo a carteira do veciño de Betanzos que permanece desaparecido

Foi xusto á altura de onde o seu can, co que saía pasear a diario, quedara sen moverse agardando polo seu dono

Os mergulladores da Garda Civil tiveron que suspender os traballos de rastrexo a media tarde debido ás fortes correntes e as mareas vivas

G24.gal 16/08/2022 21:19

Na xornada deste martes os axentes do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil inspeccionaron o fondo do río Mandeo na zona do porto de Betanzos. Nas augas do río atoparon a carteira do home desaparecido. Foi xusto á altura de onde o seu can, co que saía a pasear a diario, quedara sen moverse agardando polo seu dono.

Pablo Beade,  concelleiro de Seguridade do Concello de Betanzos sinalou que "todo apunta a que efectivamente o can non mentía cando quedou no sitio sinalando e ao atopar a súa carteira todos os indicios apuntan efectivamente a que se botou á auga".

As cámaras do porto rexistraron a súa entrada, pero non a súa saída. No dispositivo de busca participan tamén efectivos de Protección Civil, un helicóptero de Salvamento Marítimo e un grupo de drons de Emerxencias de Galicia. O home, de 69 anos, falta da súa casa desde a mañá do luns. Un home "veciño de aquí, moi coñecido e querido e que sempre estaba a pasear co seu can pola vila", segundo apunta o concelleiro de Seguridade.

Os mergulladores da Garda Civil tiveron que suspender os traballos de rastrexo a media tarde debido ás fortes correntes e as mareas vivas. O concelleiro de Seguridade de Betanzos confía en que "mañá pola mañá hai preamar e a ver se a corrente lles permite seguir coa busca porque neste momento de suba a corrente da marea é moi forte". Este mércores retomaranse os traballos de busca.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade