Barcelona e Atlético quedan contra as cordas na Champions
Derrota do Barcelona no campo do Inter por 1-0 con moita polémica
O Atlético fallou un penalti e caeu diante do sorprendente Bruxas por 2-0

O Barcelona queda sen marxe de erro para a segunda volta da fase de grupos da Liga de Campións. Nun partido clave perdeu no campo do Inter de Milán (1-0) e queda na terceira posición con só tres puntos en tres xornadas.
O cadro catalán tentou ser fiel á súa identidade, con moita posesión e centros sobre a área pero con pouca capacidade de remate. Xusto antes do descanso un lanzamento desde a frontal de Calhanoglu superaba a Ter Stegen.

Aumentou a presión do Barcelona na segunda parte e mesmo logrou un gol, anulado polo colexiado por unha man de Ansu Fati anterior ao tanto marcado por Pedri.
Anulado el gol de Pedri, por mano de Ansu Fati. #LaCasadelFútbol #UCL pic.twitter.com/vSYaQV7fsL
— Fútbol en Movistar Plus+ (@MovistarFutbol) October 4, 2022
Houbo outra xogada para a polémica na área do Inter por unhas mans de Dumfries que o colexiado non considerou como penalti. O Inter defendeuse con orde e buscará na seguinte xornada sacar algo positivo do Camp Nou que os achegue á rolda de oitavos de final.

O Bruxas afunde o Atlético (2-0)
O Atlético perdeu no campo da gran sorpresa desta Champions, un Bruxas que o gañou todo nas primeiras tres xornadas e que ten a clasificación no peto.
O español Jutglá volveu ser o factor decisivo. No minuto 36 deu o pase para o gol de Sowah. No 62 anotou o segundo tanto do equipo belga. O Atlético mereceu máis por dominio e por oportunidades. No 78 Griezmann mandou ao traveseiro un penalti e un minuto máis tarde viu como lle anulaban un gol que daría vida ao conxunto madrileño para os últimos minutos.
O Bruxas é o líder do grupo con nove puntos. Atlético, Porto e Leverkusen, con tres, buscarán a outra praza libre para os oitavos de final.
