Un galego capitanea a fazaña do Pafos chipriota na Champions League
David Goldar, nado en Portas, é o líder da defensa dun equipo que debutará na máxima competición continental despois de eliminaren ao Estrela Vermella
Un futbolista formado no Celta, David Goldar, xogará a Champions. Goldar pertence ao Pafos chipriota. O xogador de Portas, que debutara hai once anos no Celta con Luis Enrique, é o capitán do Pafos que dirixe o español Juan Carlos Carcedo. O Pafos empatou co Estrela Vermella tras gañar na ida en Belgrado. Un gol do brasileiro Jajá clasificou o modesto conxunto de Chipre. Este xoves o Pafos de David Goldar estará no sorteo da Champions.
Goldar, que en setembro cumprirá os 31 anos, ten unha longa traxectoria. Despois de deixar o Celta só volveu a Galicia para militar no Pontevedra. Os seus maiores éxitos foron no Ibiza co que ascendeu a Segunda División, categoría na que tamén xogou no Burgos. O ano pasado decidiu emprender a aventura internacional e o resultado non puido ser mellor. Título de Liga no seu primeiro ano e clasificación para a Champions no segundo.