O París Saint Germain golea ao Inter (5-0) para acadar a súa primeira Liga de Campións
Hakimi, Doue (2), Kvaratskhelia e Mayulu os goleadores do partido
É a maior goleada nunha final da Liga de Campións
O París Saint Germain proclamouse campión de Europa en Múnic. Fíxoo ao grande, cunha malleira sobre o Inter e, sobre todo, cunha gran superioridade ao rival durante toda a final. O conxunto de Luis Enrique culmina o seu proceso de crecemento co título que ansiaba Al Khelaifi, que non chegou con fichaxes como as de Mbappé, Messi ou Neymar pero que agora si conseguiu co técnico asturiano.
O primeiro susto deuno o PSG a balón parado, nunha falta lateral en que o balón paseou de lado a lado da área sen que ninguén puidese rematalo. No minuto 11 si que marcou o equipo francés. Foi nun ataque en que apareceu so Achraf para controlar e marcar. O exinterista non festexou o gol.
Sen tempo para dixerilo chegaba o segundo. Unha contra e, desta volta, o balón chegáballe a Doue. O balón saíu rexeitado e bateu a Sommer. 2-0 no minuto 20. Tiña xa o conxunto de Luis Enrique unha moi boa renda, pero non renunciou a seguir atacando. Volveu avisar Fabián desde lonxe, rematando ás mans de Sommer. O Inter non era quen de rematar entre os paus, aínda que Thuram cabeceou un córner que marchou lambendo o pau. Aínda tivo o PSG outra clarísima antes do descanso, pero Dembelé rematouna mal logo de desmarcarse no segundo pau. U par de remates desviados máis botáronlle o pano á primeira metade.
A contiuación volveu comezar con ocasión francesa pero, aos poucos, o Inter foi pisando área con máis frecuencia. As chegadas máis claras seguían a ser do París Saint Germain. Kvaratskhelia tivo outra clarísima, pero rematou arriba. No minuto 63, Doue non perdoou. Presentouse diante de Sommer e bateuno por abaixo para sentenciar a final. E aínda ían chegar outros dous goles. O cuarto, noutra contra na que Kvaratskhelia se plantou so diante de Sommer e marcou cun remate ao primeiro pau. E o quinto, noutra combinación que deixou so para marcar a Mayulu.
Os últimos minutos do partido foron xa de festa francesa, a da consecución do primeiro título de campión de Europa para o club parisiense.
