Publicador de contidos

Publicador de contidos

Barrueta mantén vivas as esperanzas de salvación do Leyma Coruña

Barrueta mantén vivas as esperanzas de salvación do Leyma Coruña

O equipo coruñés gañoulle por 93-92 ao Barça grazas ao acerto de Barrueta (20 puntos) con dúas triplas decisivas nos últimos minutos

G24.gal 08/05/2025 21:33 Última actualización 08/05/2025 22:23

O Leyma Coruña apura as poucas posibilidades de salvación que lle quedan na ACB. Gañoulle ao Barcelona por 93-92 e queda a tres triunfos da permanencia, con catro xornadas por diante para o final da competición. 

O primeiro tempo do Leyma Coruña amosou todas as súas virtudes ofensivas, algo que poucas veces faltou ao longo da temporada. E tamén algunha defensiva -o seu principal erro-, sobre todo nos últimos cinco minutos do segundo cuarto. O Barcelona comezou tendo o dominio do marcador (10-16) con Villar como protagonista inagardado pero o Leyma non deixou que marchase (23-27 ao final do primeiro cuarto). 

No segundo mantívose a tónica ata que faltaban cinco minutos (35-40). Ata o descanso o Leyma pegou un recital de baloncesto e fíxolle un parcial de 22-5 a todo un Barcelona que lle deu doce de vantaxe (57-45) con Barrueta (13 puntos) e Taylor (12) levando o peso anotador. 

A diferenza disparouse ata os dezaseis puntos no terceiro período (67-51) e acendéronse as alarmas no Barcelona. Reaccionou o equipo catalán deseguido cun parcial de 3-12 (70-63) pero o Leyma contivo ao seu rival e afrontou o último cuarto con oito puntos de marxe (75-67). Parker -21 puntos- tomara os mandos no ataque catalán e foi achegando ao seu equipo ata que conseguiu empatar o partido a tres minutos do final (81-81). Unha tripla de Barrueta devolveulle o mando ao Leyma (84-81). Brizuela recurtou diferenzas pero Barrueta volveu acertar con outra tripla (87-83). 

O Barcelona foi á desesperada e unha tripla de Barrueta puxo a emoción nos últimos 15 segundos (90-88). Burjanadze anotou un tiro libre e Joel Parra, de xeito inexplicable buscou unha canastra de dous no lugar dunha tripla (91-90) con catro segundos por xogar. Os tiros libres acabaron decidindo para un Leyma que segue con vida na ACB. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade