Carles Marco: "Non imos estar todos os días pensando no ascenso"
O técnico badalonés chega coa liga francesa debaixo do brazo, conquistada como asistente de Tiago Splitter no París Basketball

Na súa presentación como adestrador do Básquet Coruña, Carles Marco comentou que lle fai "moita ilusión" sumarse ao proxecto do Básquet Coruña, co que espera "agradar a afección" cun baloncesto vistoso, e sen obsesionarse co ascenso.
Comezou o acto con Charlie Uzal, director deportivo do equipo laranxa, comentando que "por fin podemos presentar ao novo adestrador, estabamos a esperar a que acabase a competición en Francia, por respecto a el e ao club".
"Pouco podo dicir del que non se saiba. Buscamos a idea do club, dun baloncesto vistoso, que enganche ao espectador e que depare máis cheos no Coliseum. E aproveito para dar grazas á afección polas reservas de abonos, demostra que A Coruña quere basket".
O técnico badalonés, que chega coa liga francesa debaixo do brazo, conquistada como asistente de Tiago Splitter no París Basketball, que meses antes tamén gañara a Copa.
"Dar as grazas a Pablo e a Charlie por confiar en min. Cando falamos fíxome moita ilusión. Grazas tamén pola paciencia porque ao estar aínda traballando alongouse o proceso. Moi contento de estar aquí", foron as primeiras palabras de Carles Marco.