Leimanis fulmina no último cuarto as esperanzas do Leyma Coruña
O Estudiantes gañou a Copa Princesa (80-72) grazas a un último cuarto pletórico do aleiro estudiantil con catro triplas
O xogo de palabras é doado. Leimanis fulminou as esperanzas do Leyma de conseguir a primeira Copa Princesa da súa historia. O aleiro lituano do cadro estudantil resultou decisivo no último período, con catro triplas, e liderou un parcial de 18-4 que acabou coas posibilidades dun equipo coruñés que ata ese intre ía por diante no marcador.
Estivo moi igualado o primeiro cuarto (21-21) e non foi ata mediado o segundo cando o Estudiantes colleu unha pequena vantaxe de sete puntos (37-30). Ao descanso o resultado era de 42-38 cun gran Huskic (8 puntos) e todo por decidir.
No terceiro cuarto colleu o mando das operacións o Leyma, sen grandes vantaxes (a meirande foi de catro puntos: 48-52) pero demostrando ser capaz de conseguir o título. Todo mudou ao comezo do último cuarto. O Estudiantes empezou a machacar no lanzamento triplo e foise por riba dos dez puntos (69-58). Xa non habería posibilidade de recuperar. O Leyma achegouse a sete mais nunca tivo opcións nos últimos minutos.